Álvaro Ibaibarriaga, hostaleiro multado na Verdura: "Me han metido 601 euros por levantarme para ir a trabajar"

Pontevedra
10 de decembro 2015

A Subdelegación do Goberno abriu un expediente administrativo por desobediencia á autoridade ao propietario do Pintxo Viño denunciado o 1 de novembro por un axente da Policía Local cando tentaba montar as mesas da terraza durante o mercado de antigüidades que se adoitaba celebrar os domingos. A multa é de 601 euros

Álvaro Ibaibarriaga, hostaleiro multado pola Policía Local, ás portas da Subdelegación do Gobierno Mónica Patxot

"Tengo aquí el regalito de Navidad", bromea Álvaro Ibaibarriaga, Mesmo ri, pero detrás desa risa escóndese a indignación. O 'agasallo' que sostén na man é o expediente administrativo que lle abriu a Subdelegación do Goberno por desobediencia á autoridade por mor da denuncia que lle puxo o 1 de novembro un axente da Policía Local de Pontevedra cando tentaba montar a mesas da terraza do seu local, o Pintxo Viño, na praza da Verdura durante o mercado de antigüidades que se adoitaba celebrar alí os domingos. O importe parécelle "una injusticia": 601 euros. 

O venres chegoulle á súa casa familiar en Áraba a multa e a súa irmá reenvioullo. Este mércores acudiu en compañía do seu avogado á Subdelegación do Goberno para recoller o expediente completo. Con ambos os documentos na man, soubo que lle impoñen 601 euros por desobediencia á autoridade porque os feitos están considerados como unha infracción grave na nova Lei Orgánica 4/2015, do 30 de marzo, de protección da seguridade, a coñecida como Lei Mordaza

Álvaro Ibaibarriaga xa anuncia que recorrerá a proposta de sanción e pensa "llegar hasta el final" porque "lo que están haciendo es un abuso". Insiste en que el paga por usar o espazo, pero "me han metido 601 euros por levantarme para ir a trabajar". Recoñece que aquela mañá tivo un encontrón co policía, pero nega que lle dixese as frases que lle atribúe a multa e mesmo matiza que no documento recóllense varias frases súas en galego. "¿Cómo iba a decir eso en gallego. Casi no puedo ni leerlo, hablarlo ya...", indica este hostaleiro natural do País Vasco e que leva seis anos rexentando o Pintxo Viño en Pontevedra.

Todo ocorreu sobre as 12.15 horas do 1 de novembro. Cando se dispuxo a montar as mesas que ten a diario na praza, non puido porque había uns vendedores ambulantes cunha manta e obxectos de segunda man, de modo que se dirixiu a dous policías que estaban na zona para pedirlles que instasen os vendedores a deixar libre o seu espazo. Ante a negativa dos policías, el mesmo pediullo e os feirantes fixéronlle caso e fóronse. 

A Policía Local denunciouno por desobedencia á autoridade e a Subdelegción abriulle un expediente sancionador

Tanto o hostaleiro como os axentes coinciden en que iso foi o que ocorreu, pero discrepan no contido das conversacións que mantiveron. Álvaro Ibaibarriaga asegura que "yo solo les pedí ayuda, como hice antes a otros policías en estos seis años y siempre me ayudaron". O axente redactou na multa que se dirixiu a eles "de forma despectiva" e díxolles "todos os domingos pasa o mesmo". Tras ir el mesmo a falar co vendedor, volveuse a achegar a eles para dicirlles "pois non era tan difícil".

A multa indica que os axentes lle comunicaron que os domingos esa zona estaba habilitada para a venda ambulante e que esta actividade era "incompatible" con instalar os seus veladores, pero que el insistiu en poñer as súas mesas e respondeulles "si, e que, vasmo a prohibir ti" e "haber como mo vas prohibir, estou a pagar os veladores e vounos a montar para iso pago" (sic). Cando os axentes dixéronlle que o ían a denunciar, segundo a versión recollida na multa, el respondeu "pois denuncia que para iso estás".

Álvaro Ibaibarriaga discrepa do contido da multa, imposta por desobediencia á autoridade e aos seus axentes no exercicio das súas funcións e por "alegación de datos falsos ou inexactos nos procesos de identificación". Esta última infracción cometeuna cando esa mañá identificárono para logo denuncialo. 

Pedíronlle o DNI e, ao ver que figuraba un domicilio de Áraba, preguntáronlle pola súa dirección actual, posto que hai anos que rexenta o Pintxo Viño en Pontevedra. El respondeulles: "a miña dirección é a que aparece no documento de identidade ou non a ves". Posteriormente, pescudaron que se empadroou en Pontevedra en decembro de 2013 e recentemente, en abril de 2015, mudouse a Poio. A sanción foille enviada, de todos os xeitos, á dirección que el facilitou, a de Áraba que está no seu DNI.