Unha ambulancia para reforzar a cobertura sanitaria, a petición de Cubela a Rueda

Cerdedo Cotobade
19 de novembro 2025

O alcalde de Cerdedo-Cotobade e o presidente da Xunta mantiveron un encontro para avanzar na mellora dos servizos públicos cunha folla de ruta que inclúe novos investimentos prioritarios

Alfonso Rueda e Jorge Cubela, na súa reunión en Santiago
Alfonso Rueda e Jorge Cubela, na súa reunión en Santiago / Concello de Cerdedo Cotobade

Seguir afondando na cooperación institucional e avanzar nos proxectos estratéxicos do municipio. Ese foi o obxecto do encontro de traballo que mantiveron o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.

Ambos mandatarios coincidiron en destacar que Cerdedo-Cotobade é un exemplo consolidado de fusión municipal e, como tal, merece unha "atención estratéxica" que permita seguir avanzando nun modelo de administración local "forte, coordinada e eficiente".

Nesta xuntanza, que se celebrou no despacho do presidente en San Caetano, Cubela pediu contar para o 2026 cunha ambulancia que mellore os tempos de resposta sanitaria, reforce a cobertura no territorio e avance na equidade na atención ás emerxencias.

Esta ambulancia propia debería ser incluída, sostivo o alcalde, dentro do novo concurso do 061 previsto para o próximo ano.

Durante a xuntanza tamén se fixaron as prioridades conxuntas en materia de investimentos, centradas en saneamento e abastecemento, como eixo vertebrador para garantir servizos públicos modernos así como a vivenda, para facilitar a chegada de novas familias.

Ademais, ambos os dous dirixentes tamén abordaron cuestións relacionadas cos recursos turísticos e naturais, coincidindo na necesidade de reforzar o posicionamento do concello como destino rural de referencia na provincia de Pontevedra.

Cubela subliñou que boa parte destes proxectos contan cun "elevado grao" de planificación, terreos dispoñibles e autorizacións encamiñadas, así como coa "total vontade" do goberno municipal para participar no seu confinanciamento.

Pola súa banda, Rueda trasladou o seu compromiso para analizar a fondo cada proposta e avanzar alí onde sexa posible. "Cerdedo-Cotobade é un concello pioneiro e queremos seguir demostrando que a cooperación institucional dá resultados reais", afirmou.

O presidente da Xunta reiterou a súa disposición a seguir apoiando ao municipio como "referente" do modelo de fusión municipal en España, e valorou moi positivamente o nivel de planificación dos proxectos presentados polo alcalde.