O municipio de Cerdedo-Cotobade está a vivir a posta en marcha de novas promocións residenciais.
Dende o Concello constatan un número crecente de proxectos coa posta en valor de solos edificables en diferentes parroquias o que evidencia o interese dos investidores polo territorio.
Así, a empresa Coviastec, impulsora tamén doutras actuacións como a construción da futura residencia de maiores de Carballedo, anunciou que ten previsto construír seis chalés adosados nunha parcela situada fronte ao Concello, en Carballedo.
Este promotor adquiriu terreos edificables cunha superficie próxima aos 4.000 metros cadrados.
A obra ten investimento global dun millón de euros, o que suporá un importante impulso económico e social para a zona.
Calcúlase que cada vivenda terá un custo un 40% inferior ao doutras localidades da contorna, o que xa se reflicte na acollida do proxecto, pois tres dos seis chalés están xa vendidos.
O alcalde Jorge Cubela destacou que "investir en Cerdedo-Cotobade é unha aposta segura grazas á estabilidade institucional, á boa xestión urbanística e á calidade de vida que ofrece o noso territorio".
FOTOVOLTAICA
Por outra banda, o deputado provincial Javier Tourís fixo entrega ao alcalde de Cerdedo-Cotobade e tamén deputado provincial Jorge Cubela do estudo desenvolvido pola Oficina de Transformación Comunitaria +Renovables sobre o potencial enerxético do municipio no que respecta ás enerxías renovables.
Este informe subliña que a localidade depende moito dos combustibles fósiles, polo que é preciso facer unha transición paulatina cara outras fontes enerxéticas máis sostibles.
Tamén se destaca no informe a boa situación na que se atopa todo o municipio en relación ao potencial fotovoltaico, o da enerxía xeotérmica e da eólica, que en Cerdedo-Cotobade atópase en rangos moi favorables.
Na xuntanza, o deputado anunciou que se instalará unha planta fotovoltaica no pavillón de Carballedo e outra no pavillón municipal de Tenorio con batería de almacenamento e unha potencia de 99,99 kWp total.
Xerará enerxía renovable destinada a cubrir a demanda do propio concello e destinará un mínimo do 10% desta enerxía ás persoas vulnerables residentes no entorno dos 2 quilómetros (aquelas que sexan beneficiarias do Bono Social Eléctrico).
A instalación desta planta será financiada con recursos provinciais a través de +Renovables.
