O Concello de Cerdedo-Cotobade propúxose mellorar a xestión do punto limpo.
Farao coa dixitalización integral da súa xestión, o que permitirá adaptar o servizo á normativa vixente que obriga á creación dun arquivo cronolóxico telemático.
Esta actuación prevista inclúe o deseño e posta en marcha dun programa informático a medida, que facilitará o control e o seguimento das entradas e saídas de residuos, a súa orixe ou o uso dos servizos por parte da cidadanía.
Desta forma o Concello contará con información e estatísticas detalladas precisas sobre a xestión de residuos no municipio.
Para implantar este contro dixital solicitouse unha subvención ao Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia.
O programa está pensado para poder incorporar no futuro un módulo de puntos por uso do punto limpo, co obxectivo de premiar o comportamento responsable da veciñanza introducindo posibles bonificacións nas taxas municipais vinculadas á prestación do servizo.
"É un paso máis na modernización do Concello e na aposta pola sustentabilidade e a eficiencia na xestión dos recursos públicos. A dixitalización do Punto Limpo vainos permitir coñecer mellor a realidade ambiental do municipio, ofrecer un servizo máis eficaz e avanzar cara a un modelo de xestión máis responsable e transparente", destacou o alcalde, Jorge Cubela.
O rexedor quixo ademais destacar o apoio do Fondo de Compensación Ambiental, que supón "un instrumento fundamental para que os concellos poidan seguir innovando e mellorando os seus servizos medioambientais".