Amigos de Pontevedra celebra o seu encontro con motivo das Festas da Peregrina

Pontevedra
12 de agosto 2018

Durante a comida no Pazo da Cultura entregáronse os premios deste ano ao xornalista Eugenio Giráldez; Virginia Pozo, fundadora das tendas Coosy; María del Carmen Martínez, investigadora do CSIC; Teresa Orjales, embaixadora de España en Estonia e Santiago Picallo, presidente do Cisne

Encontro dos Amigos de Pontevedra 2018
Encontro dos Amigos de Pontevedra 2018 / Diego Torrado

A asociación Amigos de Pontevedra celebraba este sábado o seu encontro no Pazo da Cultura, que suma xa 47 anos desde que un grupo de coñecidos da cidade decidiu premiar a persoas que realizasen un traballo relevante difundindo a imaxe de Pontevedra en diferentes ámbitos.

Este sábado, durante a comida, premiouse aos elixidos este ano: o xornalista Eugenio Giráldez; a fundadora da empresa de moda Coosy, Virgina Pozo; María del Carmen Martínez Rodríguez, investigadora do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e investigadora na Misión Biolóxica de Galicia en Pontevedra; Teresa Orjales, embaixadora de España en Estonia e diplomática; e Santiago Picallo, presidente do Club Balonmano Cisne. Ademais nesta ocasión, tamén se recoñeceu o traballo desenvolvido por dúas institucións: a empresa Gráficas  Anduriña e o colexio Sagrado Corazón de Os Praceres.

Durante a celebración, o xornalista Xabier Fortes, integrante de Amigos de Pontevedra, recibiu felicitacións polo seu nomeamento como director de 'Los desayunos de TVE', por parte de numerosos asistentes ao acto, entre os que se atopaban a presidenta da  Deputación Provincial, Carmela Silva e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.