Os dereitos mineiros que conserva unha canteira nas inmediacións do Campiño están a dificultar a tramitación da ampliación do principal polígono industrial pontevedrés.
Alberto Oubiña, edil responsable da área municipal de urbanismo, explicou que, previsiblemente, esta ampliación será menos ambiciosa do previsto. Polo menos, de momento.
Fronte aos máis de 300.000 metros cadrados de solo industrial que se ían a sumar ao dispoñible no Campiño, só se poderán incorporar uns 160.000 metros cadrados.
A Consellería de Industria informou ao goberno municipal da existencia dunha zona de afeccións mineiras na área cara á que se pretendía ampliar o polígono.
Reverter eses dereitos mineiros, segundo Oubiña, sería "complicado", polo que ambas as partes decidiron que, por agora, se executen eses 160.000 metros cadrados novos para que esta actuación, "altamente demandada" por Pontevedra, non siga a atrasarse.
En todo caso, Pontevedra non renuncia a completar esa ampliación.
Así, o concelleiro do BNG explicou que o Concello estudará a fórmula para recorrer eses dereitos mineiros "e tratar de gañar eses terreos" para completar a extensión prevista.
No caso de non conseguilo, engadiu Alberto Oubiña, o goberno municipal buscaría "alternativas" para habilitar, ou ben outros polígonos industriais no municipio, ou ben o crecemento do Campiño cara a outra zona.
A maiores, entre os "deberes" da administración municipal tamén está estudar a mellor fórmula para dotar de saneamento e abastecemento de auga aos novos terreos que se engadan ao polígono industrial, algo que o Concello recoñece que será "complexo".
"Agora mesmo estamos nisto", sentenciou Oubiña, que explicou que haberá novas reunións entre ambas as partes, Concello-Xunta, para seguir avanzando nesta tramitación.