Xunta e Concello reúnense para acelerar a tramitación da ampliación do Campiño

Pontevedra
19 de xullo 2025
Actualizado: 11:06

Ambas administracións van consensuar solucións en materia de saneamento e dotación de recursos hídricos necesarios para dar servizo ao parque, un paso necesario para avanzar na tramitación ambiental

Reunión para tratar a ampliación do polígono do Campiño
Reunión para tratar a ampliación do polígono do Campiño /

A Xunta de Galicia remitirá nas vindeiras semanas para tramitación ambiental o borrador do Plan Estruturante de Ordenación do Solo Empresarial (Peose) para a ampliación do polígono do Campiño en 160.045 metros cadrados máis, case a metade da superficie actual (412.331 metros cadrados), na que as 86 parcelas dispoñibles xa están ocupadas.

Xunta e Concello de Pontevedra mantiveron esta semana unha reunión para acelerar a tramitación da ampliación do Campiño.

Nesta xuntanza, a directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial, Margarita Ardao, informou ao concelleiro de Urbanismo, Alberto Oubiña, do contido definitivo do Peose e consensuaron solucións en materia de saneamento e dotación de recursos hídricos necesarios para dar servizo ao parque, un paso necesario para avanzar na tramitación ambiental.

De feito, segundo informou a directora, durante a redacción do Peose houbo que adaptar a planificación inicial debido a que se detectaron distintas afeccións sectoriais que condicionan a posibilidade de desenvolver o ámbito completo previsto no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia.

Reunión pola ampliación do Polígono do Campiño
Reunión pola ampliación do Polígono do Campiño

A Xunta de Galicia, a través de Xestión do Solo de Galicia (Xestur) está a impulsar diferentes proxectos para dotar á comarca de Pontevedra de solo empresarial necesario que contribúa ao seu desenvolvendo económico, facilitando o asentamento de novas iniciativas empresariais ou a ampliación das xa existentes.

Neste contexto, o pasado mes de maio adxudicou o proxecto de urbanización de 86.964 metros cadrados no antigo Centro de Transporte e Terminal Intermodal de Ponte Caldelas, que  está ao carón dos polígonos do Campiño e da Reigosa. Ademais, ese mesmo mes remitiu a tramitación ambiental o proxecto do PEOSE do Parque Empresarial de Fragamoreira, en Poio, que sumará 374.229 metros cadrados máis de solo para uso industrial.