Amplían o horario de atención para realizar probas PCR sen cita no lateral do Hospital Provincial

Pontevedra
17 de decembro 2021

A partir do luns 20 de decembro e ata o 8 de xaneiro, este punto de atención tamén abrirá durante as mañás entre as 10.00 e as 14.00 horas, ademais de manter o horario actual das tardes. O dispositivo contará durante as mañás con dous equipos extractores e tres puntos administrativos para atender á poboación que desexe someterse ás probas PCR para comprobar contaxios da covid-19

Colas para o punto de realización de PCR sen cita Cristina Saiz

A partir do luns 20 de decembro ampliarase o horario de atención do posto de probas PCR gratuítas sen cita previa, que se atopa situado no aparcamento exterior do lateral do Hospital Provincial de Pontevedra.

A xerencia da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés decidiu ampliar o horario ás mañás para continuar realizando probas durante estas festas do Nadal. Desta forma, o luns 20, calquera persoa que o desexe poderá achegarse por estes postos sanitarios entre as 10.00 e as 14.00 horas para realizarse as probas e comprobar se se atopan contaxiados polo virus pandémico. 

O dispositivo contará con dous equipos extractores e tres puntos administrativos para atender aos asistentes. Este horario manterase ata o sábado 8 de xaneiro.

Desde a xerencia indican que o servizo que se ofrece durante as tardes manterase no seu horario actual, de 15.30 a 20.00 horas, cun descanso para o persoal entre as 18.00 e as 18.30 horas.

Continúa rexistrándose unha gran asistencia de persoas a este punto a diario para someterse ás probas PCR, con colas de espera que se estenden pola rúa Loureiro Crespo.