Amplían os roteiros de pádel surf polo Lérez tras esgotar as prazas en tres horas

Pontevedra
27 de xullo 2020

Desde este luns xa se poden solicitar novas prazas para os roteiros previstos en senllas xornadas do mes de agosto

Participantes nos roteiros de pádel surf polo río Lérez
Participantes nos roteiros de pádel surf polo río Lérez

O Concello de Pontevedra decidiu ampliar os roteiros de pádel surf polo río Lérez ante a abafadora demanda recibida. En tres horas esgotáronse as prazas ofertadas para a primeira destes roteiros turísticos, que tivo lugar o pasado sábado 25 e que organiza a Concellería de Turismo.

Desta forma, e  desde este mesmo luns 27, reabren os prazos de inscrición para as dúas xornadas nas que se volverán a realizar estes particulares paseos polo río Lérez: os sábados 1 e 22 de agosto. As solicitudes formalízanse a través da web www.visitpontevedra.es

Os roteiros están organizados en grupos reducidos de oito persoas, que van acompañadas de monitores. Ofrécense en total oito roteiros por día, entre horario nocturno e diúrno. A concelleira Yoya Blanco sinala que "este é o claro exemplo de que o turismo de proximidade, e mesmo da propia cidade, mostra un enorme interese por coñecer a cidade a través do Lérez". 

Avanza que se trata da primeira de numerosas iniciativas prevista en torno ao río: "Pontevedra despois de moitos anos de vivir de costas ao Lérez, mira e goza os seus ríos".