Amplo dispositivo para buscar un mozo desaparecido tras saltar ao río Verdugo

Soutomaior
27 de maio 2025
Actualizado: 28 de maio

Cara ás 19:40 horas, o 112 Galicia recibiu o aviso dun particular que se atopaba no lugar.

Ponte medieval de Comboa Turismo de Galicia

Un amplo equipo de emerxencias busca un mozo duns 20 anos no río Verdugo na contorna da ponte medieval de Comboa, en Soutomaior.

Cara ás 19:40 horas, o 112 Galicia recibiu o aviso dun particular que se atopaba no lugar.

Esta persoa presenciou como dous mozos saltaban ao río desde a ponte medieval.

Segundo relatou ao 112, mentres unha delas logrou saír da auga sen dificultades, non conseguían localizar á outra. Ambos os mozos son veciños de Vigo.

Tras recibir o aviso, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias activaron un operativo.

Segundo detallou o 112 neste dispositivo de procura participan Urxencias Sanitarias de Galicia-061, axentes da Garda Civil, o GES de Mos e voluntarios de Protección Civil da Mancomunidade Oitavén-Tea. Tamén se informou aos Bombeiros do Morrazo.

Igualmente algúns veciños da zona sumáronse aos labores de rastrexo.