Boas noticias para un dos primeiros casos de coronavirus rexistrados en Pontevedra. Ana Pastor, ex presidenta do Congreso dos Deputados, recuperouse da infección do COVID-19 e, a través das súas redes sociais, confirmou que xa está libre do virus.
Pastor, que deu positivo en Pontevedra tras chegar de Madrid e pasar varios días en corentena, explicou que o test que os médicos lle realizaron nas últimas horas deu negativo.
Así o fixo a través da súa conta en Twitter, desde a que confía en que este anuncio sexa unha mensaxe "de esperanza" para toda a cidadanía.
Ademais, a dirixente do PP quixo dar as grazas publicamente a todos os profesionais sanitarios que están a loitar contra o coronavirus "por su esfuerzo y dedicación".
Ana Pastor foi unha das primeiras políticas do noso país en dar positivo por coronavirus. Desde entón mantívose recluída na súa casa.
Tras aparecerlle a febre e os primeiros síntomas dun posible contaxio do coronavirus, optou por cancelar toda a súa axenda pública e gardar unha corentena voluntaria e, un par de días despois, ela mesma confirmou o seu positivo.