Ana Pontón levará ao Parlamento o modelo de mobilidade da Boa Vila

Pontevedra
18 de outubro 2016

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acudiu este martes a Pontevedra para presentar unha das primeiras iniciativas do seu grupo parlamentario que se centrará nunha serie de medidas sobre a mobilidade

Ana Pontón, voceira nacional do BNG
Ana Pontón, voceira nacional do BNG / Mónica Patxot

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acudiu este martes a Pontevedra para presentar unha das primeiras iniciativas do seu grupo parlamentario que se centrará nunha serie de medidas sobre a mobilidade. Entre elas que Galicia teña as competencias en materia de seguridade viaria e que xestione todas as infraestruturas viarias "para poder facer unha política integral que teña en conta cal é a realidade do noso país", proclamou.

Ademais pedirán unha modificación da Lei de Estradas para que cambie as súas prioridades, situándo ás persoas por encima do resto de formas de transporte, e farán especial fincapé na conservación das estradas "eliminando os puntos negros" que hai, sobre todo "en vías de titularidade estatal".

Neste sentido Ana Pontón, expresou a súa "indignación" ante o "agravio" para os galegos que, ao seu xuízo, supón o veto do Ministerio de Fomento para que o Congreso dos Deputados debata a proposición de lei aprobada por unanimidade polo Parlamento de Galicia para pedir a transferencia da autoestrada AP-9.

Acompañada dos alcaldes de Barro, Xosé Manuel Abraldes; de Poio, Luciano Sobral e do alcalde da capital, Miguel Fernández Lores xunto a boa parte do goberno local pontevedrés, Ana Pontón elixiu como mostra das políticas que quere poñer en marcha a súa formación, o miradoiro sobre a ría no Paseo de Marín, unha zona onde se deu prioridade ao tráfico peonil e ás bicicletas sobre o vehículo privado.

Cada ano morren nas estradas galegas unhas cen persoas

"Un dos obxectivos da próxima lexislatura ten que ser a posta en marcha dun novo modelo de mobilidade sustentable e de seguridade viaria", asegurou a portavoz do Bloque.

Pontón recoñeceu os avances logrados nos últimos anos pero mostrou o seu rexeitamento ás cifras "preocupantes" que nesta materia presenta Galicia cun "nivel moi elevado de mortalidade", algo que "se pode evitar" co cambio de modelo. Segundo indicou a líder nacionalista, no último ano o índice de sinistralidade en Galicia incrementouse un 17% "iso quere dicir que o modelo non está a funcionar".

Entre outras cifras, Pontón tamén apuntou que cada ano morren nas estradas galegas unhas cen persoas, cun número moi importante de persoas afectadas. Estes sinistros supoñen uns 1.000 millóns de euros en perdas, un 2% do Produto Interior Bruto galego (PIB) e repercute en aspectos como o encarecemento dos seguros, explicou.