A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que a decisión da Audiencia Nacional de anula a prórroga concedida á fábrica de Ence é un "triunfo" para Pontevedra e pediu ao PP e á empresa que "asuman a súa derrota".
"É un gran día e unha gran vitoria para o país, para Pontevedra e un éxito colectivo da cidadanía", sinalou Pontón tras coñecerse a sentenza.
Entende que a Audiencia Nacional "dános a razón" aos que afirmaban que a prórroga concedida "no tempo de desconto" polo Executivo de Mariano Rajoy "era non só inmoral senón tamén ilegal".
Esta decisión do PP, engadiu a dirixente nacionalista, "non respondía o interese xeral senón ao interese particular dunha empresa empeñada en pasar por encima da lei e da vontade da cidade de Pontevedra".
Tras lembrar as "décadas" de loita da "maioría social" de Pontevedra contra a localización desta empresa, Pontón sinalou que a resolución da Audiencia Nacional supón un "non rotundo" ao intento de Ence para "consolidarse" na ría de Pontevedra.
A líder do BNG entende que agora se debe traballar para que "canto antes" haxa unha alternativa de traslado para garantir o futuro da compañía en Galicia, para o que a Xunta e Ence, subliñou, "teñen a responsabilidade de liderar ese proceso".
A responsabilidade, apuntou Pontón, de que se manteña a fábrica e o emprego que xera "é neste momento do goberno galego e da propia empresa, que deben traballar para executar o traslado", asumindo o que establece a sentenza.
Por iso, a portavoz nacional do BNG pediu ao executivo galego que "deixen de obstaculizar e facer trampas" e acepten que a posición "máis racional" é a de buscar outra localización para esta fábrica.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.