Andrés Díaz pide á Xunta a ampliación do polígono empresarial da Reigosa

Ponte Caldelas
10 de marzo 2023

O alcalde de Ponte Caldelas asegura que, neste momento, só quedan doce parcelas libres, das que xa hai varias reservadas e por iso demanda á administración autonómica un incremento dos terreos do espazo empresarial situado a carón do Polígono do Campiño

Parcelas no polígono da Reigosa
Parcelas no polígono da Reigosa

O alcalde de Ponte Caldelas, a través das redes sociais, manifestaba nas últimas horas diversas solicitudes á Xunta de Galicia. Entre elas destaca a demanda dunha ampliación do polígono empresarial da Reigosa.

Andrés Díaz asegura que o crecemento deste espazo é "imprescindible" para que máis empresas instálense no municipio xerando máis traballo e aumentando a poboación.

Indica que, neste momento, só quedan doce parcelas libres das 52 parcelas que se estenden por unha superficie total de 493.096 metros cadrados. Engade que varios deses espazos libres foron xa reservados.

Díaz indica tamén que coa urbanización da central de transportes, que está recollida nos orzamentos da Xunta de Galicia deste 2023 cunha partida de 300.000 euros, o polígono gañará 45 parcelas pequenas. O rexedor recoñece que existe unha ampla demanda por parte de pequenas e medianas empresas para estes terreos.

A ampliación que o goberno local solicita á Xunta está xa contemplada no Plan Sectorial de Áreas Empresariais da administración autonómica. O rexedor recoñece que a tramitación é longa e, por este motivo, xa se iniciou a solicitude. Díaz sinala que haberá un incremento da demanda de parcelas na Reigosa cando entre en funcionamento a nova autovía, con accesos próximos.

Esta solicitude coincide coa realizada tamén polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, de ampliar o polígono empresarial do Campiño.

Por outra banda, o alcalde tamén lembra ao goberno galego que o Concello xa ten localización para que se constrúan tres novos equipamentos: a nova Casa do Pobo de Mirón, a Casa do Pobo de Gradín e a Casa do Pobo de Silvoso.