Andrés Díaz tacha de "falta de respecto institucional" a ausencia da conselleira na reunión sobre a PO-234

Ponte Caldelas
21 de febreiro 2017

O alcalde de Ponte Caldelas pide á responsable autonómica de Infraestruturas, Ethel Vázquez, que rectifique e acuda á reunión convocada o vindeiro xoves na delegación pontevedresa da Xunta para valorar a reforma deste viario

A conselleira Ethel Vázquez
A conselleira Ethel Vázquez / Mónica Patxot

A delegación territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra será escenario o vindeiro xoves 23 de febreiro dunha reunión na que se debaterá sobre a reforma da estrada PO-234 que une Ponte Caldelas e Cotobade.

Á mesma acudirá o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, o presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, o delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez. 

Non estará, segundo explica o Andrés Díaz, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, "incumprindo así o compromiso adquirido o pasado mes de novembro", sinala o rexedor nun comunicado.

Esta ausencia supón para Díaz "unha falta de respecto institucional", polo que insta á conselleira para rectificar e liderar a reunión, que inicialmente se ía a celebrar despois da festa de Reis, en xaneiro.

O alcalde de Ponte Caldelas asegura que acudirá igualmente ao encontro, no que demandarán que se corrixa o grave problema de seguridade que existe neste viario ao seu paso por Laxoso, pero "estarei nesa xuntanza o tempo xusto para presentar propostas claras que sirvan para rematar coas escusas da Xunta de Galicia, que ten a obriga de garantir a seguridade viaria nas súas estradas", sinalou.

Durante os últimos meses o Concello de Ponte Caldelas traballou na recollida das firmas dos propietarios afectados polas expropiacións co obxectivo de axilizar no posible o proceso administrativo.

Arquivado en