Perderse no monte e escoitar o son do vento, o cantar dos paxaros ou a auga dos regachos, gozando da tranquilidade dun espazo natural. Iso é, segundo o Concello, o que caracteriza o "espírito montuno" que quere potenciar entre os seus cidadáns.
Farao cunha campaña coa que quere dar a coñecer entre os pontevedreses o "anel verde" perimetral da cidade, formando polos parques forestais da Fracha (Marcón), A Tomba (Campañó) e Pontillón do Castro (Verducido).
O edil Alberto Oubiña sinalou que o obxectivo desta iniciativa é que "nos acheguemos ao monte e o valoremos", logrando que os habitantes de Pontevedra coñezan estes espazos naturais que, segundo engadiu, son os "pulmóns" de todo o municipio.
Para iso, o Concello creou unha páxina web montes.pontevedra.gal que aglutina toda a información sobre cada un destes tres parques forestais, que o goberno municipal quere que todos "sintamos como nosos" e experimentemos "o amor polo monte".
Esta campaña contará ademais cunha ampla programación de actividades para todas as idades que se desenvolverán en cada un destes parques durante os meses de verán e que organizarán unha decena de empresas e autónomos de Pontevedra.
Entre as iniciativas, para as que haberá que inscribirse a través da nova páxina web, haberá obradoiros de creación artística relacionados coa natureza, xornadas de observación de estrelas, probas de orientación nocturna ou quedadas para observar paxaros.