Ano récord no porto: movidas máis de 2,5 millóns de toneladas de mercadoría

Marín
21 de xaneiro 2018

2017 foi un ano histórico para o porto de Marín. O tráfico de mercadorías superou por primeira vez os 2,5 millóns de toneladas manipuladas a través dos seus peiraos. Trátase dun crecemento estimado do 7,4% con respecto ao ano anterior

Terminal de colectores do Porto de Marín
Terminal de colectores do Porto de Marín / Puerto de Marín

2017 foi un ano histórico para o porto de Marín. O tráfico de mercadorías superou por primeira vez os 2,5 millóns de toneladas manipuladas a través dos seus peiraos. Trátase dun crecemento estimado do 7,4% con respecto ao ano anterior.

O crecemento deuse especialmente en mercadorías estratéxicas para o porto como os contedores (46%), a froita (5,75%), a pasta de papel (6,29%), os compoñentes eólicos (32,26%), os materiais de construción (61%) ou a pesca conxelada (26%).

O número total de buques mercantes que atracaron nos peiraos de Marín durante 2017 ascendeu a 526.

O presidente da Autoridade Portuaria, José Benito Suárez Costa, destacou a importancia da cifra alcanzada, que considera "un fito importantísimo para o porto que non é froito da casualidade, senón dun traballo moi serio e constante". 

Suárez Costa subliñou ademais a importancia e o recoñecemento que está a adquirir o porto de Marín no mapa do transporte marítimo internacional.

“Marín é un porto dinámico, eficiente, áxil, seguro e moi profesionalizado, que sabe adaptarse ás demandas dos clientes e asumir con solvencia os retos que se lle presentan. Por iso é coñecido e recoñecido no sector a nivel internacional”, subliñou o presidente.

Dentro do capítulo de obras, 2017 tamén foi un ano significativo ao comezar a ampliación das instalacións do Posto de Inspección Fronteirizo (PIF). Trátase de aumentar a súa capacidade ante o crecemento continuo de mercadorías que vén experimentando o porto nos últimos anos e co obxectivo de manter a axilidade operativa. 

En total, o PIF do porto de Marín pasará a dispoñer de 10 peiraos de carga. Ademais modernizaranse as dotacións de vestiarios para o persoal que atende as operacións. Así mesmo, ampliarase a superficie destinada ao laboratorio para a inspección de mercadoría transportada en colector e acometeranse diversas melloras na sinalización e os accesos. 

Ademais, o porto iniciou este ano a tramitación da ampliación do Novo Peirao Comercial de Marín, a licitación da nova torre baliza de sinalización do Baixo Picamillo ou a remodelación e mellora das oficinas de operacións portuarias.

Outro fito foi, sen dúbida, a chegada do luxoso cruceiro Bremen da naviera Hapag Lloyd, que atracou a finais de outubro no Novo Peirao Comercial cunhas 250 persoas a bordo para realizar unha escala turística e que supuxo a inclusión de Marín nunha ruta que partiu de Groelandia e a estrea do tráfico de pasaxeiros no porto.