Un ano de traballo para que o dispositivo de seguridade do Multisport funcione "perfecto"

Pontevedra
22 de xuño 2025

O alcalde e a concelleira de Seguridade Cidadá visitaron este domingo o posto de mando avanzado instalado na sede da Policía Local para coordinar o dispositivo despregado polo Multisport

Posto de mando desde o que se coordina a seguridade do Multisport
Posto de mando desde o que se coordina a seguridade do Multisport / Concello de Pontevedra

Desde a sede da Policía Local de Pontevedra contrólase todo o que pasa ao redor dos Campionatos do Mundo Multideporte de Tríatlon.

Alí instalouse un posto de mando avanzado desde o que se coordina o amplo dispositivo de seguridade despregado con motivo do gran evento deportivo.

Este domingo o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, visitaron este centro de coordinación.

"Están representadas todas as forzas e corpos de seguridade e todos os que están traballando na campaña. Desde equipos médicos, Garda Civil de Tráfico, Policía Nacional, Local... Para coordinar dende aquí calquera tipo de incidencia que poida aparecer nas distintas probas deportivas", explicou Lores.

"É un traballo que se vén facendo previamente durante un ano enteiro e que está a funcionar absolutamente perfecto", asgeura o alcalde.

Cabe lembrar que participan no dispositivo de seguridade do Multisport efectivos da Policía Nacional, Policía Local, Garda Civil, Brilat, Bombeiros de Pontevedra e Protección Civil, ademais de servizos municipais.

Entre voluntarios e persoal contratado 850 persoas ocúpanse dos controis e puntos de cruzamento dos circuítos (non se inclúen aos voluntarios deportivos), e mobilizáronse 30 médicos, 41 ambulancias, 56 socorrisatas, 40 piragüistas, 25 embarcacións, 99 motos e até un hospital de campaña.

"Ante calquera incidente somos desde este posto de mando coñecedores da situación e se pode actuar inmediatamente por parte dos responsables", defendeu o rexedor da capital.

Lores afirmou tamén que desde a organización dos campionatos "hai unha sensación de satisfacción e alegría", tamén porque "a cidade está preciosa, chea de xente, con milleiros de persoas disfrutando das rúas e prazas".