A antiga escola de Cantería cuadriplica a matrícula tras integrar a FP oficial

Poio
12 de decembro 2025
Actualizado: 16:16

O CIFP Cantería de Galicia reforza o seu papel como espazo onde o patrimonio, a técnica e a creatividade se unen para formar ás novas xeracións de profesionais do sector.

Escola de Cantería Mónica Patxot

O CIFP Cantería de Galicia, anteriormente coñecido como a Escola de Canteiros de Poio, vive un momento de expansión. Desde que en 2023 se incorporou á rede pública da Xunta como centro integrado de Formación Profesional, a súa matrícula multiplicouse por catro, un salto que confirma o crecente interese polas profesións vinculadas ao traballo da pedra e á construción.

Segundo explicou a directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, durante a inauguración das xornadas técnicas do centro, o número de estudantes pasou das 15 persoas no curso 2023-24 ás 65 actuais, o que supón un incremento do 77%.

A responsable autonómica destacou que o recoñecemento oficial das ensinanzas permitiu ao alumnado acreditar a súa experiencia profesional e acceder a titulacións cun valor real no mercado laboral.

Pérez eloxiou tamén a forte aposta do centro pola innovación aplicada á pedra, un ámbito no que o CIFP Cantería de Galicia se está a posicionar como referente estatal.

Entre a súa oferta formativa salientan o ciclo medio que outorga unha dobre titulación en Pedra Natural e en Reproducións Artísticas en Pedra, así como os ciclos da familia de Edificación e Obra Civil, que abranguen desde as ensinanzas básicas de Reforma e Mantemento de Edificios ata os estudos superiores de Proxectos de Edificación.

As xornadas técnicas deste ano, celebradas coincidindo coa festividade de Santa Lucía, patrona dos canteiros, levan por título Estruturas de pedra: pasado, presente e futuro. O seu obxectivo é abrir un espazo no que tradición artesanal e innovación tecnolóxica convivan para enriquecer a formación do alumnado.

O programa incluíu demostracións prácticas, un concurso de modelado no que os estudantes exhibiron os seus traballos e unha mesa redonda con expertos de diferentes ámbitos. Entre eles, Xurxo Constela Doce, do Servizo de Arqueoloxía da Xunta; o profesor da Universidade da Coruña Santiago Muñiz Gómez; e o empresario Fernando Godoy Maceira, xerente de Godoy Maceira SL. As súas intervencións permitiron debullar a evolución do granito como material estrutural, desde a arquitectura tradicional ata os usos máis avanzados na construción contemporánea.

A actividade continuará a próxima semana con diversas formacións prácticas centradas na restauración, as novas técnicas construtivas e as aplicacións innovadoras da pedra na edificación actual.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora