Antonio Romero asume o mando da Brilat, "una de las mejores grandes unidades del Ejército de Tierra"

Pontevedra
21 de abril 2017

Tomou posesión do seu cargo como xeneral xefe e comandante militar de Pontevedra e Ourense este venres nunha parada militar na base Geneal Morillo na que desfilaron 1.300 militares. Trasladou a súa "disponibilidad para colaborar" coas autoridades civís en "todo lo que sea necesario"

Parada militar con motivo da toma de posesión de Antonio Romero como xeneral xefe da Brilat
Parada militar con motivo da toma de posesión de Antonio Romero como xeneral xefe da Brilat / Mónica Patxot

O xeneral de brigada Antonio Romero Losada é xa oficialmente o novo responsable da Brigada de Infantería Lixeira (Brilat). Tomou posesión do seu cargo como xeneral xefe e comandante militar de Pontevedra e Ourense este venres nun acto na base General Morillo de Figueirido no que manifestou a súa "satisfacción profesional" por asumir o mando de "una de las mejores grandes unidades del Ejército de Tierra".

O acto incluíu unha parada militar presidida polo xeneral xefe da División Castillejos, Miguel Martín Bernardi, na que desfilaron 1.300 militares e contou co respaldo de autoridades civís e militares de Pontevedra e o resto da provincia, entre elas o alcalde da capital, Miguel Anxo Fernández Lores, pouco habitual neste tipo de actos. O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva; a subdelegada en Pontevedra, Ana Ortiz; e o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, tamén lle acompañaron e, no seu discurso, trasladoulles a súa "disponibilidad para colaborar" coas autoridades civís en "todo lo que sea necesario". 

Antonio Romero tivo palabras de eloxio tanto para a propia brigada que xa está ao seu cargo como para o seu antecesor, o xeneral Luís Cebrián Carbonell, e avanzou que a súa intención é ter un mandato continuista no que tentará seguir o seu exemplo e seguir adaptándose aos novos retos que se lle presenten. 

O novo xeneral leva uns días tomando contacto coa Brigada e asegura que lle profesa un gran respecto a todos os seus compoñentes e que oíu "das súas fazañas", de aí o seu orgullo por pasar a mandalos. Ademais, este novo labor permítelle regresar a Pontevedra, unha cidade que xa coñeceu no ano 1998.

En declaracións aos medios ao termo do desfile, Antonio Romero definiu este novo destino como "magnífico" e "excelente" e destacou que o seu obxectivo será que a unidade siga estando"a la vanguardia de las unidades operativas del Ejército de Tierra" e "esté siempre integrada en la población y en la región dónde está ubicada". Respecto diso, insistiu en que leva o nome Galicia VII, un dato "muy significativo" que quere dicir que "está arraigada a esta tierra de una manera muy especial".

Baixo o seu mando, a Brilat asumirá a partir de 2018 polo menos dúas misións internacionais, tal e como revelou o xeneral Cebrián na súa despedida. O xeneral Romero non quixo entrar a detalar eses datos e limitouse a asegurar que esa saída ao exterior sería "muy posiblemente", pero  "no hay nada ahora mismo decidido".

Antonio Romero, de 54 anos e natural de La Línea de la Concepción, mandou a VII Bandeira da Lexión como tenente coronel e, co seu ascenso a coronel en 2013, foi destinado como xefe do Terzo Juan de Asturias. Desde entón, estivera no Ministerio de Defensa como xefe da área OTAN e deixou o seu destino para dar o salto á Brilat por mor do seu recente ascenso a xeneral de división.