300.000 euros investirá o Servizo Galego de Saúde na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés para renovar os edificios de centros de Atención Primaria dos municipios de Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Sanxenxo, O Grove, Bueu, Soutomaior e Forcarei.
Entre os traballos previstos realizaranse reformas de impermeabilización de cubertas; renovación de tellados; limpeza, reparación e pintado de fachadas; tamén se pintarán despachos e consultas; renovarán os revestimentos do chan e os sistemas de automatización das instalacións do mesmo xeito que os sistemas de protección solar.
Ademais, o Sergas anuncia tamén a ampliación de áreas de traballo e a renovación da iluminación por lámpadas led nestes edificios, entre outras actuacións.
As obras comezarán en outubro e finalizarán antes de que termine o ano 2021.
En Pontevedra, os centros que se someterán a estes traballos son o de Virxe Peregrina, A Parda e o da parroquia de Lérez; o de Baltar no municipio de Sanxenxo; o de Arcade en Soutomaior; ademais do centro sanitario de San Roque en Vilagarcía de Arousa; O Grove, Bueu, Moraña e Forcarei.
Estas reformas inclúense nas medidas do Plan Galego de Atención Primaria 2019-21 para manter actualizada a cobertura asistencial das poboacións que cobren estes centros de saúde.