Un apagón eléctrico masivo deixa sen luz a toda a España peninsular

Pontevedra
28 de abril 2025
Actualizado: 16:42

Este apagamento masivo comezou sobre as doce do mediodía e as causas, segundo o Goberno, aínda se descoñecen. Red Eléctrica activou os plans de reposición da subministración eléctrica

Unha persoa traballando no medio do apagón eléctrico masivo EFE - Mariscal

Unha caída xeral do sistema eléctrico que afectou a toda España, así como a amplas zonas de Portugal e Francia, sumiu a todo o país no desconcerto.

Este apagamento masivo, a maior incidencia eléctrica na historia recente do país, comezou sobre as doce do mediodía e as causas, segundo o Goberno, aínda se descoñecen.

Red Eléctrica activou os plans de reposición da subministración eléctrica, en colaboración coas empresas do sector, tras este "cero" ocorrido no sistema peninsular.

Ademais, sosteñen que se están analizando as causas e estanse dedicando todos os recursos para solucionalo.

"Poranse todos os medios necesarios para recuperar a normalidade canto antes", afirman desde Red Eléctrica.

Responsables do operador do sistema eléctrico nacional aseguraron que este apagamento é "excepcional e totalmente extraordinario" e calculan que tardarán "entre seis e dez horas" en reparalo e que a subministración de electricidade se normalice en todo o país.

No medio dunha gran incerteza, o Instituto Nacional de Ciberseguridad tamén está a estudar a posibilidade de que se poida tratar dun ciberataque.

O apagamento, ademais de afectar a subministración eléctrica, provocou tamén entre outras incidencias a caída de lineas de telefonía, cortes nas telecomunicacións ou a interrupción de servizos de transporte.

Houbo fallos xeneralizados nos semáforos, nos sistemas electrónicos de pago e centos de incidencias en ascensores. 

Os hospitais non se viron afectados polo uso de xeradores.

Debido a este apagamento xeneralizado, a DGT pediu á poboación que evite coller o coche salvo en casos de extrema necesidade, polo perigo de accidentes ao non funcionar a iluminación nin os semáforos.

Ademais, o 112 Galicia pediu que só se chame ás autoridades en caso de emerxencia e que todos os cidadáns teñan moita precaución e, no caso de estar atrapados nun ascensor, que manteñan a calma.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora