A Parda e O Gorgullón, tras os pasos de Wallapop

Pontevedra
04 de novembro 2025

O Concello de Pontevedra impulsa un mercado de troco e venda de segunda man, baixo o nome de Segundo Premio, con todas as prazas cubertas e lista de agarda. A idea é dinamizar os barrios

Reunión da concelleira Anabel Gulías para poñer en marcha o proxecto Segundo Premio
Reunión da concelleira Anabel Gulías para poñer en marcha o proxecto Segundo Premio / Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra, a través da Concellaría de Promoción Económica dirixida por Anabel Gulías, pon en marcha o sábado 15 de novembro a iniciativa "A pé de rúa: o mercado de troco e venda Segundo Premio", que celebrará a súa primeira xornada no barrio da Parda.

O evento, que terá lugar entre as 11:00 e as 16:00 horas, nace co obxectivo de revitalizar os espazos públicos e fomentar a reutilización baixo o lema "O que menos contamina é o que non tiras".

A última reunión preparatoria, que contou coa participación da concelleira Anabel Gulías, veciñanza e persoas emprendedoras no Centro Leste, serviu para organizar todos os detalles e responder ás inquedanzas das asociacións veciñais e empresariais implicadas.

"A iniciativa tivo unha excelente acollida, con 30 persoas inscritas, prazas xa cubertas e lista de agarda", subliñou Gulías.

O mercado "Segundo Premio" permitirá que particulares, asociacións e comercios de segunda man poidan vender ou trocar artigos tales como xoguetes, bicicletas, mobiliario ou roupa en bo estado.

Ademais, a programación inclúe obradoiros para escolares e ambiente festivo durante a sesión vermú, coa intención de converter cada xornada nun punto de encontro social e familiar.

Pensando na continuidade do proxecto, o sábado 29 de novembro celebrarase unha nova edición deste mercado, desta volta no Gorgullón, para a que xa hai 24 persoas inscritas e unha reunión pendente de convocatoria co tecido emprendedor do barrio.

A intención é seguir o formato de venda de plataformas dixitais como Vinted ou Wallapop para potenciar o uso de obxectos de segunda man.

Desde o Concello animan ás persoas interesadas en próximas edicións a inscribirse enviando os seus datos persoais ao correo electrónico [email protected].