A APDR presenta este venres o documental "A Loita Final" sobre o impacto de ENCE e ALTRI

Pontevedra
06 de maio 2025
Actualizado: 14:25

A cita está prevista na Facultade de Belas Artes de Pontevedra a partir das 19.30 horas con entrada libre

Manifestación en Pontevedra contra a celulosa de Altri Cristina Saiz

A Facultade de Belas Artes de Pontevedra acollerá este venres 9 de maio ás 19:30 horas a estrea oficial na cidade do documental "A Loita Final".

Trátase dunha obra audiovisual que aborda a problemática da eucaliptización masiva en Galicia e as súas conexións cos grandes proxectos industriais como ENCE e ALTRI-GREENFIBER.

O filme, dirixido polo realizador e director de fotografía Enrique Banet, conta coa produción e documentación da recoñecida actriz galega Mabel Rivera, unha das figuras máis destacadas do panorama cultural galego e estatal.

A obra afonda nas consecuencias ambientais, sociais e económicas dos modelos industriais extractivistas que operan ou pretenden instalarse no territorio galego.

A Asociación pola Defensa da Ría (APDR), entidade organizadora do evento, céntrase especialmente na análise de dous casos emblemáticos: a actual factoría de ENCE na Ría de Pontevedra e o proxecto de implantación de ALTRI-GREENFIBER na comarca da Ulloa.

Segundo a asociación, ambas iniciativas representan unha seria ameaza para a calidade das augas, a saúde da cidadanía e a economía das zonas afectadas.

A proxección realizarase na Aula 16 da Facultade de Belas Artes de Pontevedra e a entrada será libre ata completar a capacidade da sala.