Coa apertura das casetas no Paseo da Calzada comezou a Festa do Albariño

O Salnés
30 de xullo 2025
Actualizado: 19:05

A edición que deu comezo este mércores, e que rematará o vindeiro domingo 3 de agosto, conta coa participación de 44 adegas

Brinde das autoridades na Festa do Albariño Deputación de Pontevedra

Co pregón e a apertura das casetas no Paseo da Calzada empezou oficialmente en Cambados a Festa do Albariño.

Esta celebración cumpre 73 anos, os mesmos que o pregoeiro, o mítico peñista José Manuel Domínguez Sánchez 'Domin'.

Corte da cinta no Paseo da Calzada   Xunta de Galicia

É a festa vitivinícola máis antiga de Galicia, a segunda de España e a primeira festa enogastronómica da provincia en ser declarada de Interese Turístico Internacional, trátase dunha das celebracións máis consolidadas do calendario estival galego, con capacidade para atraer cada ano a milleiros de persoas.

O alcalde de Cambados, Samuel Lago, asegurou que o Paseo da Calzada estaba hoxe "máis cheo que nunca".

Apertura das casetas na Festa do Albariño    Xunta de Galicia

Pola súa banda, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, definiu á festa como "un referente" para a comunidade e unha mostra "desa Galicia Calidade pola que apostamos desde a Xunta de Galicia".

A titular de Medio Rural destacou o papel que desenvolven este tipo de celebracións ao favorecer o impulso dun eido que se configura como un dos piares da economía galega.

Brinde das autoridades na Festa do Albariño

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, sinalou que a Festa do Albariño é "un dos grandes símbolos da provincia de Pontevedra".

A edición que deu comezo hoxe, e que rematará o vindeiro domingo 3 de agosto, conta coa participación de 44 adegas nas que se poderán degustar todas as variedades de viño elaboradas pola Denominación de Orixe Rías Baixas.