Apoio pleno das corporacións de Ponte Caldelas e Cotobade á petición de reforma da PO-234

Ponte Caldelas
02 de abril 2016

Cotobade e Ponte Caldelas aprobará unha moción conxunta nos seus respectivos plenos municipais, con respaldo de todos os grupos políticos, para apoiar as reivindicacións da Plataforma de Afectados pola PO-234

Reunión da Plataforma de Afectados pola PO-234
Reunión da Plataforma de Afectados pola PO-234 / Concello de Ponte Caldelas

As corporacións municipais de Ponte Caldelas e Cotobade aprobarán no próximo pleno, con apoio de todas as forzas políticas, unha moción de apoio ás reivindicacións da Plataforma de Afectados pola PO-234.

Así llo fixeron saber os representantes políticos á plataforma tras unha reunión á que acudiron os alcaldes de Cotobade e Ponte Caldelas, Jorge Cubela e Andrés Díaz, e os portavoces do resto de partidos que compoñen as corporacións, PPde G, PSdeG-PSOE, BNG e AVP.

Esta asociación reclama unha solución ao problema de seguridade viaria da PO-234, estrada que comunica Ponte Caldelas e Cotobade a través de Laxoso e Augasantas, unha antiga reivindicación veciñal.

Entre os acordos adoptados por alcaldes e portavoces encóntrase a solicitude dunha reunión da Plataforma de Afectados coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, posto que se trata dun viario de titularidade autonómica.

Jorge Cubela puntualizou de feito tras o encontro que a conselleira garantiu a actuación sempre que os concellos poñan a disposición os terreos necesarios.

Neste sentido, ambos os dous gobernos locais pedirán ao catastro e resto de organismos oficiais a identificación dos propietarios dos terreos afectados polas obras de mellora co fin de axilizar as xestións e as obras poidan comezar canto antes.

Todos os asistentes á reunión, incluídos os alcaldes, sumáronse á recollida de firmas da plataforma para solicitar á Xunta que desbloquee a mellora desta estrada.

Arquivado en