A Xunta de Goberno local do Concello de Pontevedra aprobou este xoves a concesión dunha subvención de 15.000 euros ao Comité Español da UNRWA, a Axencia das Nacións Unidas para a poboación refuxiada de Palestina, co obxectivo de garantir o dereito á saúde da poboación máis vulnerable da franxa de Gaza.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, explicou tras a reunión do executivo local que esta achega "será utilizada para a cobertura dos salarios de persoal médico básico en actuacións de emerxencia".
Segundo precisou, a axuda permitirá financiar os custos dun oficial médico, persoal de enfermaría e matrona, garantindo así "a continuidade dun servizo de atención médica de calidade e gratuíto para as persoas en situación máis vulnerable en Palestina, concretamente en Gaza".
LUIS SEOANE
Na mesma sesión, o goberno local deu luz verde á licitación do proxecto de mellora da accesibilidade e calidade urbana da rúa Luís Seoane, unha obra longamente demandada pola veciñanza. O investimento previsto ascende a 368.100 euros e conta cun prazo de execución de cinco meses, financiado a través das transferencias da Deputación Provincial.
Fernández Lores explicou que a actuación transformará unha rúa con problemas de estacionamento e espazo peonil nun espazo de convivencia de alta calidade urbana. "O proxecto busca resolver os diferentes problemas detectados, como o excesivo número de vehículos mal estacionados e o mínimo espazo para os peóns", sinalou o rexedor.
A reforma integral converterá esta rúa sen saída nunha nova praza urbana na contorna da avenida de Vigo, un ámbito que ata agora carecía deste tipo de espazos. O deseño inclúe a creación dunha plataforma única, con dúas zonas elevadas de 80 centímetros para salvar o desnivel existente.
Entre as melloras previstas figuran a renovación das redes de pluviais e abastecemento, a instalación de novo mobiliario urbano e iluminación LED, así como a creación dun xardín vertical no fondo da rúa, diante do muro, que contará con dez tipos de flores diferentes.
"O obxectivo é crear un espazo amable, accesible e seguro. Por iso tamén se colocarán luces LED no chan, para evitar sombras que poidan xerar dificultades de accesibilidade", concluíu o alcalde.
