O embaixador de Palestina en España, Husni Abdel Wahed, mostrou o "máis sincero agradecemento" do pobo palestino polo "compromiso firme" de Pontevedra contra o xenocidio de Israel en Gaza.
Nunha carta remitida ao alcalde de Pontevedra, Abdel Wahed sinalou que a postura adoptada por Pontevedra, cuxa corporación municipal esixiu o cesamento inmediato das hostilidades en Gaza, "é un xesto de apoio e solidariedade coa nosa causa xusta".
"Agradecemos e valoramos profundamente esta declaración, que representa un compromiso firme coa paz, a xustiza e os dereitos humanos", sinala o embaixador na súa misiva.
Husni Abdel Wahed, que desde 2024 representa a Palestina en España, confirma que a "opción estratéxica" pola que aposta o seu Estado é a de alcanzar unha "paz duradeira" baseada na lexitimidade internacional e nas resolucións de Nacións Unidas.
A carta finaliza dando as grazas a Pontevedra, unha vez máis, pola súa condena ante a "brutal e salvaxe agresión" de Israel, ao que acusa de impulsar "un xenocidio contra o noso pobo".

Tras recibir esta comunicación, o alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, sostivo que "todos os xestos son poucos á hora de poñer o foco do mundo sobre Palestina e o xenocidio que Israel comete na rexión".
Afirmou que, como concello, "fixemos o que tiñamos que facer" que era pedirlles aos responsables internacionais "con humildade" que busquen a maneira de pór fin a esta masacre e á destrución dun pobo "que leva décadas resistindo".
O rexedor agradeceu a carta enviada desde a embaixada e reiterou que "toda acción a favor da paz, individual ou colectiva, é importante", especialmente as manifestacións protagonizadas pola sociedade civil nas últimas semanas.