A Concellería de Xuventude deseñou unha programación infantil que pon o foco na intelixencia emocional, convertendo a tradicional festa de luns de Entroido nun espazo de aprendizaxe e expresión para os máis pequenos.
O vindeiro luns 16 de febreiro, a Praza da Peixería transformarase no epicentro desta proposta.
Baixo un fío condutor centrado na comunicación afectiva, a cativada poderá participar nunha variada oferta de obradoiros temáticos.
Entre as propostas destaca "As emocións teñen cores", onde os nenos e nenas poderán pintar as súas caras con expresións que reflictan distintos estados de ánimo, ou "Unha emoción para levar", un taller dedicado á fabricación de chapas personalizadas con emoticonos.
A creatividade colectiva terá o seu espazo en "Emocion(Arte)", un mural conxunto sobre o Entroido emocional, mentres que a inclusión será o obxectivo de "Disfrazando emocións", unha iniciativa pensada para que calquera neno ou nena que acuda sen disfrace poida confeccionar un no momento e non quedar fóra da celebración.
A parte lúdica estará garantida coa presenza da Duendeneta, encargada de poñer ritmo a unha tarde que contará con animación musical, coreografías guiadas e xogos interactivos.
Para incentivar a participación, a organización confirmou que todos os asistentes recibirán un "emotiglobo" de agasallo, mentres que os que se sumen aos obradoiros serán recompensados con chapas de "emojis" para completar o seu kit emocional.
Paralelamente á festa infantil, o Concello de Vilagarcía activa este luns a maquinaria para o seu evento central: o desfile-concurso de disfraces e carrozas do martes 17 de febreiro. A Concellería de Cultura abriu este luns o prazo de inscrición, que permanecerá vixente ata o 13 de febreiro.
Este certame, un dos máis agardados da comarca, conta este ano cunha dotación económica de 7.300 euros destinados a premiar a orixinalidade e o traballo en diversas categorías, dende máscaras individuais e choqueiros ata comparsas e carrozas de gran formato.
Os interesados deberán formalizar a súa participación de xeito presencial no Auditorio Municipal, en horario de mañá (de 9:00 a 13:30 horas).
As bases completas e os formularios xa poden consultarse tanto no taboleiro de anuncios da web municipal como na sede electrónica do Concello.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.