O Concello de Poio comunicou ás 10:00 horas deste domingo o aprazamento do Desfile de Campelo, debido ás previsións de chuvia.
Esta cita debía dar o inicio oficial á programación de Entroido no municipio.
A decisión de pospoñer o evento tomouse de xeito consensuado entre a administración local e as persoas e agrupacións participantes, á espera de concretar e facer pública unha nova data para a súa celebración.
Esta xornada inaugural estaba deseñada como o punto de partida dun amplo calendario festivo que se estenderá polas diferentes parroquias de Poio ata o próximo 19 de marzo.
O desfile, cuxo percorrido estaba previsto para as 12:00 horas entre a Biblioteca Municipal e a Praza da Granxa, contaba coa inscrición das principais comparsas da contorna.
Entre as formacións locais figuraban o Grupo de Carnaval Samieira, As Sonecas, Os Canecos e Os 100Tolos, ás que se ían sumar agrupacións visitantes como Alegría de Bora, Os Miúdos, Os Retrincos, Politicamente Incorrectos e Os Paparrulos.
O certame que queda agora pendente de nova data mantén un orzamento total de 4.820 euros destinados a premios.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.