O Concello de Poio xa ten todo listo para a celebración do Entroido 2026, unha das citas máis agardadas do calendario local que este ano destaca pola súa extensión con case un mes de actividades e pola implicación directa do tecido asociativo.
O alcalde, Ángel Moldes, e a concelleira de Cultura, Natalia Sabarís, presentaron este mércores unha folla de ruta que une a identidade propia das parroquias coa ambición de atraer visitantes de toda Galicia ao longo das vindeiras semanas.
O inicio terá lugar o domingo 15 de febreiro co gran desfile en Campelo.
A falta de dous días para que peche o prazo de inscrición, previsto para este venres 6 de febreiro, o interese xa traspasou as fronteiras municipais, con grupos confirmados dende Santiago, Vigo, Baiona ou Vilagarcía.
Para fomentar a participación, o Concello repartirá preto de 5.000 euros en premios. As categorías abranguen dende o disfrace individual ata os grandes grupos con carroza, tanto en modalidade infantil como adulta.
Os gañadores da categoría de grupos de adultos poderán levar un premio de ata 500 euros, mentres que se manteñen os premios especiais para a animación e o estilo "choqueiro".
Un dos puntos fortes desta edición é a III Pasarela de Entroido, que se celebrará o venres 27 na Seca. "É xa un escaparate destacado para amosar o traballo e a creatividade das comparsas", sinalou Moldes.

Polo de agora, xa confirmaron a súa presenza once agrupacións de toda a provincia, nunha xornada que rematará coa música do grupo Dolce Vita.
O calendario de "enterros" e festas singulares por parroquias queda configurado da seguinte maneira:
-
Combarro (18 de febreiro): Enterro do Mexillón, organizado polo Ateneo Corredoira.
-
A Armenteira (28 de febreiro): Enterro do Galo Fodorico na Praza do Mosteiro e posterior Festa Choqueira.
-
Lourido (1 de marzo): Festa familiar e Enterro do Berberecho no parque Costa Xiráldez.
-
Samieira (14 de marzo): Desfile e Enterro do Galo Bruxo.
-
Vilariño (19 de marzo): Peche do ciclo co Enterro da Galiña Vilarica.
INSCRICIÓNS
As persoas ou grupos interesados en participar no concurso de Campelo teñen de prazo ata este venres 6.
Os grupos deben tramitar a súa solicitude pola sede electrónica, mentres que as categorías individuais ou en parella poden facelo tamén no rexistro xeral ou mesmo o día do desfile na Biblioteca Municipal (entre as 9:30 e as 11:00 horas).
O xurado, composto por membros da comisión municipal de Cultura, avaliará non só o vestiario e a maquillaxe, senón tamén a coreografía, a posta en escena e a retranca propia destas datas.
O Concello presenta esta programación como participativa, animosa e pensada "para toda a familia".