Aprobada a licenza para a nova residencia que financia a Fundación Amancio Ortega

Pontevedra
21 de marzo 2022

Unha vez resoltas as deficiencias iniciais, a Xunta de Goberno concede a licenza urbanística situada na parcela da Unidade 18. Esta residencia contará con 120 prazas, repartidas en 42 habitacións dobres e 36 individuais. A parcela de preto de 5.000 metros cadrados deixará arredor de 2.000 metros cadrados para zonas verdes e libres

Planos da residencia de maiores que promove a Fundación Amancio Ortega Concello de Pontevedra

Anabel Gulías, portavoz do goberno local de Pontevedra, anunciaba este luns que a Xunta de Goberno aprobou a licenza urbanística de construción da nova residencia para persoas maiores na parcela denominada Unidade 18. 

Unha vez que se recibiu a documentación revisada que o Concello demandou á Xunta de Galicia despois de que os técnicos detectasen deficiencias, o goberno local tramitou xa a licenza para a construción desta instalación que promove a Fundación Amancio Ortega e que será xestionada pola Xunta de Galicia.

A residencia contará cun total de 120 prazas para persoas maiores, repartidas en 42 cuartos dobres e 36 individuais.

O edificio situaranse na parcela de ao redor de 5.000 metros cadrados, que non será ocupado totalmente polo inmoble. A planta baixa estenderase ao longo de 3.247 metros cadrados e quedarán case 2.000 para zonas libres e verdes. A superficie total de construción ascende a 9.285, 02 metros cadrados.

O orzamento que manexa a Fundación Amancio Ortega para esta obra sitúase en doce millóns de euros, que procederán directamente dos fondos desta institución, que mantén un convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para a construción de edificios residenciais para persoas de avanzada idade.