Aprobada a modificación do Peprica para recuperar o espazo da casa reitoral de San Bartolomeu

Pontevedra
30 de decembro 2025
Actualizado: 31 de decembro

A Xunta de Goberno Local delimita a parcela da Horta do Cura e desbloquea o proxecto tras cinco anos de trámites. O espazo permanece valado para evitar o acceso a unha estrutura en estado ruinoso

Espazo da antiga reitoral de San Bartolomeu na Horta do Cura
Espazo da antiga reitoral de San Bartolomeu na Horta do Cura / PontevedraViva

A Xunta de Goberno Local do Concello de Pontevedra aprobou este martes 30 de decembro a modificación puntual do Peprica (Plan Especial de Protección, Reforma Interior e Conservación Artística do centro histórico), que permitirá a recuperación do espazo da antiga casa reitoral de San Bartolomeu, situada no número 5 da rúa Don Filiberto.

O proceso, que se tramitou durante cinco anos para establecer a delimitación da superficie, dá agora un paso clave coa identificación exacta do espazo da parcela situada na Horta do Cura, sen afectar ao resto dese polígono urbanístico.

Segundo explicou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, "a aprobación definitiva desta modificación facilita recuperar a antiga reitoral".

Actualmente este espazo permanece valado para evitar o acceso á fachada dunha estrutura en estado ruinoso.

Lores subliñou que só se intervirá sobre a reitoral, tras realizar catas e atender as alegacións ao proxecto, que pode avanzar cara ao estudo de detalle pendente.

Acceso á zona onde estaba situada a antiga rectoral de San Bartolomeu na rúa don Filiberto
Acceso á zona onde estaba situada a antiga reitoral de San Bartolomeu na rúa don FilibertoPontevedraViva

O procedemento comezou en 2011, cando un particular solicitou licenza para acondicionar as ruínas con uso terciario.

O Concello tivo que acometer esta modificación do Peprica para delimitar a parcela e así permitir a tramitación urbanística.

Agora deberá aprobarse no pleno municipal e, segundo manifestaba o alcalde de Pontevedra, será necesario que o propietario presente o novo proxecto construtivo.