Aprobadas as bases para as escolas deportivas de Pontevedra con axudas de 250.000 euros

Pontevedra
21 de agosto 2025
Actualizado: 14:32

Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, sinala que o Concello avanza en proxectos por máis de 18 millóns e anuncia que o Gafos, Rosalía de Castro e Mollavao sairán a licitación de forma inminente

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra Concello de Pontevedra

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, informou este xoves das decisións adoptadas na Xunta de Goberno local e fixo un repaso dos principais proxectos municipais en tramitación, que suman máis de 18 millóns de euros en licitación e execución durante este ano.

A Xunta de Goberno aprobou as bases da convocatoria de subvencións para o desenvolvemento de iniciación deportiva durante a temporada 2025-2026, cun orzamento total de 250.000 euros.

A partida distribúese en 205.000 euros para escolas deportivas, 30.000 euros para centros educativos do rural e 15.000 euros para grupos especiais de persoas con discapacidade. maiores ou en risco de exclusión social.

Na anterior convocatoria participaron 37 clubes que ofertaron 127 quendas nos distintos deportes, cun total de 2.500 prazas nas escolas deportivas e 600 no ámbito rural.

Tamén se aprobou a prórroga dun contrato de secretaría técnica externa para o plan de sustentabilidade turística ata marzo de 2026, adxudicado a EOSA por 35.000 euros.

OBRAS EN TRAMITACIÓN

Fernández Lores anunciou que o proxecto da descuberta do río Gafos, con 4.660.000 euros de orzamento, está "nos últimos trámites en intervención" e sairá a licitación "o antes posible".

De forma conxunta está previsto licitar tamén as obras de Rosalía de Castro (2.100.000 euros) e o bypass de Mollavao (1.200.000 euros), nun total de 3.300.000 euros, "probablemente despois do Gafos pero tamén de forma inminente".

O rexedor confirmou que recibiu unha notificación de Costas sobre o avanzado estado do proxecto de mellora ambiental da praia de Ponte Sampaio, e anunciou unha reunión inminente para analizar esta actuación e outros temas pendentes como o paseo de Marín, as salinas de Ulló e a zona posterior ao noiro do tren de Mollavao.

Neste sentido, lamentou as críticas realizadas polo voceiro do principal partido da oposición, Rafa Domínguez, sobre os investimentos en obras: "Parece que o PP non quere enterarse do que pasa".

OBRAS EN EXECUCIÓN

Respecto ás obras da Santiña, o alcalde indicou que está rematada a pavimentación e case finalizado o cableado, tras o cal se eliminarán os postes existentes e vai instalarse o mobiliario urbano e os farois.

O proxecto de sensores e cámaras na cidade está "moi avanzado" pero retrasouse polo cableado durante as festas. "Faltan temas de software e hardware" e aínda falta "a capacidade técnica" para o seu funcionamento completo desde puntos como a central da policía.

Tamén se ampliou ata o 21 de setembro o prazo de execución da mellora de accesos ao campo de Salcedo (228.000 euros) por problemas de subministración de materiais da empresa que está a executar os traballos.

SITUACIÓN DO RÍO LÉREZ

Fernández Lores informou de que o río Lérez leva esta semana "dous días por debaixo do caudal ecolóxico", polo que demanda a Augas de Galicia que se realice un seguimento permanente e espera que se tomen decisións respecto á captación de Ence para recuperar o caudal.

O alcalde confía tamén en que as choivas previstas para a próxima semana axuden a mellorar a situación hídrica do río.

TAXA TURÍSTICA

Por último, Lores rexeitou a posibilidade de aplicar unha taxa turística no municipio polo momento.

 "Entendo que outros o fagan, teñen todo o dereito pero nós non nolo plantexamos", sinalou despois de que Abel Caballero anunciara a imposición da taxa en Vigo, que irá de 1 a 2,5 euros.