Aprobadas nove expropiacións para eliminar un tramo perigoso da PO-308 en Sanxenxo

Poio
14 de febreiro 2019

O Consello da Xunta de Galicia prevé licitar as obras nas vindeiras semanas, cun investimento de máis de 500.000 euros no treito situado entre o Miradoiro da Granxa e o acceso a Nanín, onde se rexistran numerosos accidentes 

Punto de acceso a Areas, en Sanxenxo
Punto de acceso a Areas, en Sanxenxo

O Consello da Xunta autorizaba este xoves as expropiacións para acometer a mellora da seguridade viaria na estrada PO-308, un tramo situado entre o Miradoiro da Granxa e o acceso a Nanín, no municipio de Sanxenxo.

Trátase de 9 terreos necesarios para levar a cabo esta mellora en que a Xunta prevé investir 530.000 euros. Esta zona é un punto de concentración de accidentes e se inclúe dentro da iniciativa do goberno autonómico para eliminar os "puntos negros" na rede de estradas.

As actuacións previstas van centrarse na construción dunha rotonda na intersección coa estrada provincial de acceso á praia de Areas. A intervención anterior en que se creou un cambio de sentido con carril central de espera que non lograba eliminar os accidentes neste tramo.

Ademais está previsto renovar o firme e vai reforzarse a sinalización e os sistemas de contención na zona da curva dos Cotos. Tamén queren ampliar a plataforma da estrada para mellorar as paradas de autobús e desta forma, evitar que cando os buses cheguen a unha parada interfiran no tráfico.

As beirarrúas van adaptarse á normativa de accesibilidade e está previsto reforzar a sinalización de limitación da velocidade e nos pasos de peóns.

Ao tratarse dun tramo considerado ruta ciclista protexida pola Dirección Xeral de Tráfico e atendendo ás peticións por parte das asociacións de ciclistas van sinalizar a presenza de usuarios de bicicleta e tamén se ampliarán as beirarrúas nos cruces.

Dentro deste plan, tamén están previstas obras similares entre O Covelo e o Miradoiro da Granxa entre os Concellos de Poio e Sanxenxo.