Aprobado o acordo coa Deputación para renovar a iluminación dos barrios do norte e leste da capital

Pontevedra
09 de outubro 2025

Este será o quinto e último acordo deste tipo que o Concello ten previsto formalizar este ano coa institución provincial

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra aprobou este xoves, na Xunta de Goberno, o convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra para renovar a iluminación pública nas zonas norte e leste do centro urbano.

O acordo contempla un investimento total de 1.601.948 euros que permitirá mellorar a iluminación en barrios como A Parda, O Castañal e Valdecorvos, así como en San Amaro e outras zonas do centro da cidade.

Segundo avanzou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, a firma oficial do convenio co presidente da Deputación, Luís López, levarase a cabo a vindeira semana. Este será o quinto e último acordo deste tipo que o Concello ten previsto formalizar este ano coa institución provincial.

Até a data, xa se subscribiron outro catro convenios: a renovación do céspede sintético dos campos de fútbol oito do complexo deportivo Manolo Barreiro (142.938 euros), a adquisición dun novo soporte informático municipal (210.540 euros), a mellora da accesibilidade na rúa Luís Seoane (368.119 euros) e o financiamento do sobrecusto na construción do campo de fútbol de Salcedo (176.455 euros).

En conxunto, este cinco convenios supoñen un investimento de 2,5 millóns de euros, unha cifra que, segundo lembrou o rexedor, "é a que se asina cada ano desde hai unha década coa Deputación".

Lores volveu reclamar un aumento na achega económica do ente provincial ao Concello de Pontevedra, denunciando o que cualifica como unha "discriminación sistemática".

O proxecto de mellora da iluminación contempla a substitución das actuais luminarias por outras de tecnoloxía LED de maior eficiencia, a renovación de 39 cadros de mando, o cambio de cableado e tomas de terra, así como a mellora das columnas de iluminación. Tamén está prevista unha mellora específica da iluminación en pasos de peóns.

O alcalde indicou que a actuación levará a cabo mesmo en rúas que son competencia doutras administracións, como o Estado, a Xunta ou a propia Deputación, pero cuxo mantemento está asumido polo Concello, como é o caso do Nó do Pino.

Está previsto que o proxecto saia a licitación nas próximas semanas. Unha vez executado, unicamente quedaría pendente para completar a renovación da iluminación pública en todo o municipio o centro histórico e parte das parroquias de Tomeza e Salcedo.