Aprobado o proxecto de mellora da estrada provincial O Muíño-Campañó

Poio
26 de abril 2023

As actuacións previstas, cun orzamento de 173.000 euros, permitirán dotar a vía de cunetas transitables e evitar as acumulacións de augas nun treito de máis de 1,5 km da EP-0603

Estrada provincial EP-0603, que une O Muíño (Poio) con Campañó (Pontevedra)
Estrada provincial EP-0603, que une O Muíño (Poio) con Campañó (Pontevedra)

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar o proxecto de execución das obras de mellora da seguridade viaria na EP-0603 PO-304 O Muíño-Campañó, que suporán un investimento de máis de 173.000 euros para actuar nun treito de 1,5 quilómetros integramente no Concello de Poio. 

Con estes traballos dotarase a vía de espazos para o tránsito peonil, e tamén se logrará evitar as acumulacións de augas que se dan nesta estrada provincial que une o núcleo do Muíño, en Poio, co de Campañó, en Pontevedra.

Os traballos xa están adxudicados, comezarán en breve e teñen un prazo de execución de catro meses.

A Deputación actuará concretamente entre os puntos quilométricos 0, punto de comezo da vía no entronque coa estrada autonómica PO-308, e o 1+540, dotando todo este tramo dunha cuneta transitable de 1,50 metros de anchura. Debido ás súas características e á súa suave pendente, esta beiravía permitirá o paso de persoas tanto a pé como en bicicleta. 

Tamén se reparará a estrada e se mellorará a súa capa de rodamento mediante o fresado e a reposición do firme para incrementar a súa seguridade, coa extensión dunha capa de formigón bituminoso en quente. Ademais, procederase a repoñer a sinalización horizontal e vertical do tramo afectado.

Debido á estreitura desta vía, á súa pendente e á existencia de numerosas edificacións pegadas ás beiras na zona do Muíño, a EP-0603 presenta na actualidade unhas condicións que facilitan a escorrentía das augas pluviais, polo que a Deputación acometerá unha actuación preventiva para protexer as edificacións da acción da auga nos días de maiores precipitacións, e tamén para evitar que se acumule esa auga na vía. Deste xeito, as obras permitirán unha adecuada canalización das augas a través do reforzo e a construción de noiros e terrapléns –incluído un muro de contención de 3,5 metros de altura a base de bloques de pedra natural– e a colocación dunha nova tubaxe de drenaxe de gran capacidade, que transcorrerá baixo a cuneta transitable.