Á falta do pleno de actas previo ao traspaso de goberno na Deputación Provincial, este venres celebrábase o último pleno do mandato de Carmela Silva como presidenta da institución provincial no que o punto central era a aprobación do Programa Provincial de Infraestruturas e Dotacións Singulares da Axenda 2030-Programa PON2030, cun investimento de 22 millóns de euros que se repartirán entre 40 municipios a través dun sistema de concorrencia competitiva ao que se presentaron 57 concellos.
Este diñeiro irá destinado a grandes obras de equipamentos. O deputado portavoz do PSOE, Carlos López Font lembraba que 17 concellos gobernados polo PP, antes das eleccións municipais, 14 do PSOE, 5 do BNG e 4 independentes van verse beneficiados por este programa.
Na mesma liña, o vicepresidente en funcións e portavoz do BNG, César Mosquera, insistía na súa intervención en que por decisión dos tres grupos provinciais evitouse a adxudicación antes da campaña electoral das municipais para evitar prexudicar a gobernos que quedasen sen o plan antes da cita coas urnas. Indicou que "non parece ter sentido deixalo dous ou tres meses máis" á espera da entrada do novo goberno da Deputación que liderará Luis López para que os concellos poidan xa presentar recursos e realizar tramitacións.
Presicamente, Jorge Cubela, portavoz do PP, sinalo que o seu grupo abstíñase e cualificou a convocatoria de "reprobable e politicamente incorrecta" lembrando que o goberno bipartito finaliza o seu ciclo "e corresponde a unha nova corporación e un novo presidente xestionar o pendente".
Carmela Silva insistiu en que os portavoces dos tres grupos acordaran evitar esta aprobación en época electoral e que o goberno en funcións estaba a cumprir a legalidade amparándose na xurisprudencia que sinala que os gobernos deben finalizar os procedementos.
A presidenta en funcións tamén indicou que o portavoz socialista poñerase en contacto a próxima semana co PP para facilitar a tramitación no cambio de goberno entregando toda a documentación que precisen para cando tomen posesión do cargo. "Hai que saber gañar e saber perder e creo que ou estamos facendo con moita elegancia", afirmou Carmela Silva.
César Mosquera pediu a palabra para dar o pésame á presidenta polo falecemento da súa irmá nas últimas semanas e lembrou ao PP que as "vicisitudes" desta situación tamén provocaron a convocatoria deste pleno. Palabras que emocionaron a Carmela Silva.
O punto aprobouse con 15 votos favorables do PSOE e do BNG; mentres que os 11 deputados do Partido Popular abstivéronse.