Aproban o proxecto para mellorar a seguridade viaria na estrada entre Bueu e Marín

Marín
28 de outubro 2019

Cun investimento de 1,2 millóns de euros, a reforma da estrada PO-551 entre Bueu e Marín dá un paso definitivo. O Diario Oficial de Galicia publica este luns a aprobación deste proxecto de mellora da seguridade viaria

Estrada PO-551, en Lapamán Mónica Patxot

Cun investimento de 1,2 millóns de euros, a reforma da estrada PO-551 entre Bueu e Marín dá un paso definitivo. O Diario Oficial de Galicia publica este luns a aprobación deste proxecto de mellora da seguridade viaria.

A obra, deseñada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, pretende resolver o perigo que existe nun treito de concentración de accidentes. A licitación das obras se prevé para este ano ou principios do seguinte e serán executadas no 2020.

As principais actuacións consisten na mellora de interseccións, destacando a construción de dúas glorietas no acceso á praia de Lapamán e na intersección coa estrada provincial EP-1304, e a mellora da intersección de acceso á praia de Agrelo, no punto quilométrico 8+950.

Na intervención inclúese ademais a execución dunha senda que dará continuidade ata o acceso á praia de Lapamán.

Tamén se reforzará a sinalización dos pasos de peóns existentes nas parroquias de Cela e Bueu, coa instalación de semáforos con pulsador en dous deles e sinalización luminosa nos restantes. Estas actuacións incluíronse no proxecto a pesar de non atoparse os pasos de peóns no treito de concentración de accidentes, pola súa conflitividade. 

Outras actuacións complementarias serán a instalación de captafaros, a substitución dos postes das barreiras por outros menos lesivos e a renovación da sinalización horizontal. 

Tras a análise das alegacións presentadas, o proxecto incorporou achegas como o cambio de configuración na glorieta de Agrelo, que se desprazou á intersección contigua da inicialmente prevista para reducir a súa afección.

Tamén na glorieta de Lapamán se realizou un axuste para reducir ocupación, pero de menor entidade, e se mellorou a conexión peonil coa vía de baixada á praia, habilitando ademais unha nova zona de aparcamento.

A actuación incluirá ademais a mellora da intersección do punto quilométrico 7+320, en Marín, mediante a execución dunha cuña de saída que mellora a visibilidade e a seguridade.

O proxecto suporá a expropiacións das 32 fincas necesarias para levar a cabo estas actuacións, principalmente para poder construír as dúas novas glorietas na estrada.