A Xunta de Goberno decidiu esta mañá iniciar o procedemento para contratar por vía de emerxencia obras que palíen os pequenos danos sufridos en edificios como consecuencia das fortes choivas durante os últimos días.
Colexios, centros culturais e diferentes edificios municipais víronse afectados por entradas de auga, debido a problemas con canaletas e filtracións. Segundo comentou o portavoz do goberno local, Raimundo González, diversos edificios sufriron danos como os colexios Álvarez Limeses, santo André de Xeve, Parada-Campañó, Campolongo e Froebel; os centros culturais como o de Ponte Sampaio e Monte Porreiro; ademais de edificios públicos como o das oficinas municipais de Churruchaos ou o Teatro Principal.
Os técnicos municipais van avaliar o importe polos servizos técnicos para adxudicar estas obras por vía de emerxencia e, desta forma, acométanse canto antes para evitar que os danos sexan maiores.
En canto á situación do río Gafos ao desbordar durante os días de maior choiva, o concelleiro Raimundo González indicou que carece do informe pero apuntou que non se rexistraron graves danos. En relación coa limpeza das canles que indica a Xunta de Galicia, o portavoz apuntou a que hai un exceso de proteccionismo neste sentido porque os problemas tamén se derivan do abandono das actividades agrarias.