Aproban un decálogo de medidas para axilizar os trámites urbanísticos no Concello

Pontevedra
13 de xaneiro 2017

Axilizar e simplificar os trámites da área de Urbanismo. É o obxectivo do decálogo de medidas que presentou Carme da Silva e que se pretenden implantar no primeiro semestre deste ano para combater o colapso que, en determinados momentos, se producen neste servizo ante a avalancha de expedientes que reciben

Rexistro xeral do Concello de Pontevedra
Rexistro xeral do Concello de Pontevedra / Mónica Patxot

Axilizar e simplificar os trámites da área de Urbanismo. É o obxectivo do decálogo de medidas que presentou Carme da Silva e que se pretenden implantar no primeiro semestre deste ano para combater o colapso que, en determinados momentos, se producen neste servizo ante a avalancha de expedientes que reciben.

En 2016, 8.173 entradas no rexistro municipal tiveron como destino o servizo de urbanismo, o servizo de disciplina urbanística ou os servizos técnicos municipais. A elas hai que sumar os expedientes que acaban derivados a esta área desde outras dependencias.

Esta carga de traballo que xeran estas solicitudes e procedementos provocou que nos últimos meses, varios traballadores do servizo de urbanismo realizasen horas extras polas tardes para resolver estes expedientes e non demorar a resolución destes trámites.

En liñas xerais, o Concello pretende reorganizar esta área municipal e facilitar aos profesionais e á cidadanía guías sobre os diferentes procedementos. Ademais, actualizaranse distintas ordenanzas para adaptalas ás actuais directrices normativas e reforzarase a tramitación electrónica e o portal web de urbanismo.

Para axilizar o conxunto de tramitacións que dependen do Concello, elaboraranse guías coa documentación e requisitos preceptivos para a tramitación dos expedientes urbanísticos, de forma que tanto os profesionais como os cidadáns saiban a documentación que deben achegar en cada caso e como deben presentar as súas solicitudes.

O goberno municipal ditará instrucións para simplificar ou racionalizar o número de informes técnicos por procedementos para evitar duplicidades ou trámites innecesarios, elaborarase un regulamento para os proxectos suxeitos a licenza ou se encomendarán as licenzas e comunicacións de usos residenciais no centro histórico á oficina do ARI.

Tamén se aprobará un plan de inspección de carácter bianual para programar e racionalizar as inspeccións de obras, locais e actividades; estudaranse vías de colaboración cos Bombeiros para a redacción de informes técnicos e elaborarase un novo catálogo de edificios e elementos a conservar. 

Ademais, reforzarase a área de Urbanismo cubrindo as dúas vacantes que existen, unha de arquitecto técnico e outra de administrativa; reorganizarase o traballo de toda a oficina técnica e reformaranse as actuais dependencias de Churruchaos. Durante o tempo que duren estas obras, Urbanismo trasladarase a outro edificio municipal.

En materia de ordenanzas, o goberno municipal redactará unha ordenanza única para as comunicacións previas, aperturas de establecementos e obras; iniciaranse os trámites para actualizar a ordenanza de ruídos e revisarase, tal e como xa se anunciou, a coñecida como ITV de edificios para adaptala a unha sentenza do Tribunal Constitucional.

Todas estas medidas presentaranse nunha xornada técnica que, coa colaboración da patronal da construción en Pontevedra -APEC-, preténdese organizar en maio.