Arcade acolle un seminario nacional que aposta pola economía social como futuro para o marisqueo

Soutomaior
27 de setembro 2025

Durante os relatorios tratáronse temas tan relevantes como o futuro das confrarías, o emprendimiento colectivo, a formación profesional ou a xestión sostible dos recursos mariños

Marta Villaverde, conselleira do Mar, no Congreso celebrado en Arcade Consellería do Mar

A Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra, situada en Arcade, converteuse este venres no punto de encontro para expertas, profesionais e persoas comprometidas co futuro do marisqueo.

A Asociación para o Desenvolvemento Educativo e Cultural (ADEC) organizou o Seminario Nacional sobre Economía Social no Sector do Marisqueo, unha cita que buscou dar visibilidade e forza a modelos económicos sostibles e comprometidos coa contorna.

O obxectivo principal do seminario foi pór en valor a economía social como unha alternativa real e sostible para o marisqueo, un sector que hoxe en día se enfronta a retos moi importantes como son a remuda xeneracional, a igualdade de xénero, a sustentabilidade ambiental ou o emprendimiento colectivo, entre outros.

Especial atención tivo durante este encontro o debate sobre o papel das mulleres, verdadeiras protagonistas do marisqueo a pé, cuxa participación activa se quere impulsar tanto na toma de decisións como nos procesos de innovación.

Ao longo da tarde, déronse cita voces expertas do ámbito académico, asociativo e profesional, entre outros: Gonzalo Rodríguez Rodríguez, profesor da Universidade de Santiago de Compostela; Pilar Otero González, presidenta de ANMUPESCA; José Carlos Macías, técnico da Confraría de Pescadores de Sanlúcar de Barrameda; Rita Vidal Mouriño, mariscadora e xestora do proxecto AmarCarril; Cristina Caramés, presidenta de ADEC, e a conselleira do Mar, Marta Villaverde Acuña.

Durante os relatorios tratáronse temas tan relevantes como o futuro das confrarías, o emprendimiento colectivo, a formación profesional, a xestión sostible dos recursos mariños ou os desafíos de innovación aos que se enfronta o sector.

Así, a conselleira do Mar reivindicou ao sector do marisqueo como "axente crave na economía social de Galicia".

Segundo destacou na súa intervención, a administración autonómica actúa como "aliada" e é "vital" para poder afrontar os desafíos do futuro.

Marta Villaverde, conselleira do MarConsellería do Mar

Villaverde espera que esta importancia do marisqueo en Galicia sexa recollida na definición da nova Política Pesqueira Común e na implantación do Pacto Verde dos Océanos, "pois isto contribuiría a elevar ao sector a un futuro máis xusto, centrado nas persoas, e a un modelo produtivo máis sostible e resiliente".

A conselleira destacou que "o obxectivo é poder permitir que os profesionais teñan máis e mellores oportunidades, xestionando os recursos coa suficiencia dun horizonte a longo prazo, de maneira que o mar sexa un modelo socioeconómico viable, rendible e desexable".