Arranca a segunda fase do Plan Compost

Pontevedra
14 de xuño 2016

O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, presentou a segunda fase do Plan Compost Revitaliza, que contempla a elaboración de plans específicos para os concellos que aposten por implantar a compostaxe con decisión e rigor

Xuntanza da segunda fase do Plan Compost Revitaliza PontevedraViva

O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, presentou a segunda fase do Plan Compost Revitaliza, que contempla a elaboración de plans específicos para os concellos que aposten por implantar a compostaxe con decisión e rigor. Á convocatoria deste martes, acudiron representantes de concellos de toda a provincia, tanto dos que xa forman parte da primeira fase do plan de compostaxe da Deputación como os que non se presentaran á convocatoria.

Segundo o estudo realizado pola Deputación, acadar o 100% da compostaxe de residuo orgánico supón un abaratamento de máis do 50% dos custes que neste momento están asumindo os concellos, fundamentalmente de transporte e tratamento destes residuos.

"Canto antes fagamos o cambio de sistema, antes comezaremos a ver o abaratamento dos custos que neste momento están asumindo os concellos", afirmou o vicepresidente, César Mosquera, na presentación da segunda fase do Plan Compost Revitaliza.

A este respecto, César Mosquera deixou claro que a actual fase de composteiros comunitarios "é unha fase na que queremos amosar como funciona esta experiencia, pero o importante é que os concellos que tedes intención de pasar o total do concello, ou polo menos unha parte substancial, ao novo sistema, o fagades canto antes e teñades todas a claves para tomar a decisión".

Na primeira fase do plan, realizada en convocatoria pública, foron aprobadas as solicitudes de 22 concellos, nos que se colocarán arredor de 200 composteiros comunitarios agrupados en 44 centros. Sen embargo, César Mosquera insistiu en que calquera concello que queira tomar a decisión de implantar o sistema de compostaxe de xeito global o comunique canto antes para elaborar o plan pertinente para facelo viable.