As atraccións do Santiaguiño, sen música unha hora ao día para facilitar a inclusión de menores con autismo

Pontevedra
24 de xullo 2019

Seguindo o ronsel das recentes Festas do Carme de Marín a medida poñerase en práctica xa desde este mesmo mércores 24 de xullo, entre as 19:00 e as 20:00 horas, segundo anunciou o Concello de Pontevedra

Atraccións nas Festas de Santiaguiño do Burgo
Atraccións nas Festas de Santiaguiño do Burgo / Cristina Saiz

Seguindo o ronsel das recentes Festas do Carme en Marín, o  Concello de Pontevedra anunciou que as atraccións das festas de Santiaguiño do Burgo pararán a súa música unha hora ao día.

Esta medida pretende facilitar a inclusión de nenas e nenos con autismo, a quen os ruídos lles afectan especialmente, e así garantir que poidan gozar das actividades festivas.

Desta forma, tras negociar cos feirantes instalados estes días no Recinto  Feiral de Pontevedra, as barracas apagarán a música cada día entre as 19:00 e as 20:00 horas, empezando xa este mesmo mércores 24 de xullo.

 Trátase dun paso máis, asegura o goberno local, para lograr que as festas de verán da cidade sexan inclusivas.

O Concello avanza ademais que negociará as mesmas condicións cos feirantes que instalen as súas atraccións nas inminentes Festas da Peregrina.