Santiaguiño do Burgo procesiona escoltado por paraugas

Pontevedra
25 de xullo 2019

Malia a chuvia, a figura do santo realizou, acompañado de decenas de devotos, o tradicional percorrido pola contorna da capela do Burgo portando o millo recollido durante a procesión do xoves pola tarde na casa da Santiña 

Procesión de Santiaguiño do Burgo
Procesión de Santiaguiño do Burgo / Diego Torrado

Decenas de paraugas abríronse no mediodía deste 25 de xullo para acompañar a figura de Santiaguiño do Burgo durante a histórica procesión na que se ofrece a primeira colleita recollida de uvas e millo.

A tradición afirma que o apóstolo Santiago durante o seu percorrido chegou á casa da Santiña onde parou para descansar e unha familia deste barrio, os Couto, ofreculle axuda e alimento. Desde entón, segundo a cultura popular, aquí madura antes o froito dos viñedos.

Nesta ocasión, a comitiva tivo que facer fronte ao chuvasco que caía durante o percorrido pola contorna da parroquia cos portadores trasladando o santo, que conta con numerosos devotos neste barrio. Un ano máis non faltaron a esta cita relixiosa os menores vestidos cos traxes de Primeira Comuñón.