As carpas de Engado Marín abrirán o venres cun estrito protocolo sanitario

Marín
14 de decembro 2021

A carpa da Alameda, destinada a público infantil, terá ludoteca, hinchables, parque de aventuras e un circuito de seguridade vial. A do Eguren, para maiores de 12 anos, terá scape room, xogos de mesa, simuladores 3D e ata un circuito de drons

Acendido do alumeado de Nadal en Marín 2021
Acendido do alumeado de Nadal en Marín 2021 / Concello de Marín

O Nadal en Marín está a piques de inaugurar un dos seus clásicos que máis gustan aos máis pequerrechos da casa e á mocidade: as carpas Engado Marín, cheas de actividades para todas as idades coas que desfrutar durante os días de vacacións.

A apertura das mesmas, que estarán instaladas na Alameda e no Parque Eguren, será o vernes 17. A da Alameda, destinada a público infantil, abrirá ás 17.00 horas e contará coa amenización do Coro da Escola Municipal marinense. Ás 17.30 horas, chegarán Os Bolechas á Alameda para encher Marín de dinamización infantil e media hora máis tarde, ás 18.00 horas, inaugurarase a carpa do Parque Eguren, pensada para rapaces a partir de 12 anos.

A concelleira de Festas, Marián Sanmartín, avanzou que en ambos casos "haberá un estrito protocolo da Covid19 para poder garantir que estas actividades se desenvolvan con toda a seguridade". 

A carpa da Alameda contará cunha ludoteca, hinchables de todo tipo, un espazo destinado a parque de aventura e un circuito de educación vial. Pola súa parte, a carpa do Eguren terá scape room, simuladores 3D, un circuito de drons para probar o uso destas ferramentas, cinco mesas con xogos como o Jungle Speed, o parchís, as damas ou o Jenga, billares e futbolíns.

SUSPÉNDESE O CONCERTO DA ENM

Ademais da apertura das carpas, ás 18.00 as ONGs volverán facer chocolatada solidaria na Alameda e haberá ás 19.00 concerto da Banda de Música Musimarín. 

Sen embargo, tal e como informou a Escola Naval Militar, suspéndese o concerto da Banda, debido ás dificultades de facelo ampliamente no Multiusos dado o elevado número de participantes entre banda e coro.