As confrarías recibirán axudas da Deputación para gastos correntes ante a caída da produción

Pontevedra
26 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Luís López, presidente da Deputación de Pontevedra, mantivo un encontro de traballo coa Federación provincial de confrarías, que preside José Manuel Rosas, e representantes de 22 confrarías para anunciar que a institución fará achegas a este sector na vindeira orde de axudas

Ameixas apañadas
Ameixas apañadas / Xunta de Galicia

Luis López, presidente da Deputación de Pontevedra, prometía este martes que a institución provincial subvencionará, de maneira excepcional este ano, o gasto corrente das confrarías de pescadores.

Será na próxima orde de axudas do goberno provincial, dotada cun orzamento de 250.000 euros. Este diñeiro deberá destinarse a executar investimentos e tamén para afrontar gastos ordinarios das confrarías.

A decisión era comunicada polo presidente provincial durante o encontro de traballo que mantivo nesta xornada con representantes da Federación Provincial de Confrarías e con representantes de 22 pósitos.

O sector demandaba estas colaboracións debido ás dificultades que atravesa ante a baixada da produción do marisqueo, principalmente, segundo indican desde a Deputación de Pontevedra.

As choivas do inverno baixaron a salinidade das augas e os lodos e sedimentos arrastrados polas riadas provocaron unha elevada mortaldade do marisco durante a campaña do Nadal, segundo expoñían desde a Federación que preside José Manuel Rosas.

Luis López, acompañado por Marcos Guisasola, deputado de Medio Ambiente, indicaba aos representantes do sector que "temos ou obxectivo de mellorar e escoitar as vosas aportacións porque vós coñecedes vos problemas que vos afectan mellor ca ninguén". Durante o encontro, os integrantes das confrarías das Rías Baixas tamén manifestaron outros problemas actuais que o presidente provincial apuntou para contribuír a buscar solucións.