As dúas persoas falecidas en Galicia por covid este sábado 19 rexístranse en Pontevedra

Pontevedra
19 de decembro 2020

As dúas persoas falecidas por coronavirus nas últimas horas no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra son unha muller de 87 anos e un home de 97. Segundo a información facilitada pola Consellería de Sanidade, ámbalas vítimas contaba con antecedentes doutras enfermidades. A conselleira do Mar Rosa Quintana tamén deu positivo nas últimas horas

Zona do Hospital Montecelo
Zona do Hospital Montecelo / Mónica Patxot

Nas últimas horas só se rexistraban dous falecementos en Galicia, os dous producíanse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, segundo notificaba a Consellería de Sanidade.

Trátase dunha muller de 87 anos e dun home de 97 anos. Os dous perdían a  vída no Hospital Montecelo e ambos contaban cun historial clínico no que figuraban outras enfermidades previas, segundo os datos facilitados polo Servizo  Galego de Saúde.

Con estes dous novos falecementos, a cifra de persoas que perderon a vida na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ascende a 75 pacientes desde o inicio da pandemia. A última morte rexistrouse este venres tamén en Montecelo, unha muller de 70 anos, que presentaba patoloxías previas.

En Galicia con estas novas mortes, o número de persoas que perderon a vida desde que comezaron a tomarse rexistros desta enfermidade é de 1.338 persoas. 

ROSA QUINTANA, TAMÉN POSITIVO EN COVID-19

Nas últimas horas, tamén facía público o seu positivo en coronavirus a conselleira do Mar, Rosa Quintana sinalando que se atopa ben e asintomática. Segue os protocolos de Saúde Pública e os contactos foron avisados e supervisados.

Permanecerá confinada ata que se recupere totalmente. Indica tamén nun twitter que se manterá pendente do sector marítimo pero nesta ocasión a través de "vía telemática".