O Concello de Marín ultima a publicación das bases para as subvencións municipais a entidades deportivas. Trátase de axudas destinadas ao fomento do deporte de base e federado pola recentemente finalizada campaña 2020/2021.
A novidade desta convocatoria é que a cantidade habitual de convocatorias anteriores, que era de 45.000 euros, duplícase ata os 90.000. Estes fondos repartiranse entre os clubs e entidades deportivas rexistradas no Rexistro de Entidades do Concello de Marín para subvencionar as actividades realizadas entre o 1 de xullo do 2020 e o 30 de xuño do 2021.
A decisión de duplicar os fondos débese a que a convocatoria anterior non puido ser publicada pola pandemia da covid-19.
Ademais, o Concello conta con outro orzamento superior aos 200.000 euros que destinará á axuda do financiamento de eventos e actividades deportivas puntuais que promovan os clubs do municipio. A mellora e mantemento das instalacións municipais como o cambio de céspede artificial no Estadio Municipal de San Pedro, o arranxo da pista de tenis ou as melloras na Piscina Municipal forman parte tamén do compromiso do goberno local co deporte.