As familias pontevedresas sen ingresos poderán pedir ao Concello unha renda social básica

Pontevedra
31 de marzo 2017

Os solicitantes deberán ser veciños do municipio cunha antigüidade de polo menos seis meses. A renda será dun mínimo de 532 euros por unidade familiar e incompatible coa Risga e pensións non contributivas. A contía da prestación calcularase por unidade familiar. Poderase cobrar durante un espazo de doce meses

Unha persoa buscando no colector do lixo Mónica Patxot

As familias pontevedresas que non dispoñan de ningún tipo de ingreso ou que os que teñan non sexan suficientes para garantir necesidades vitais "básicas" como alimentación, vestimenta, teito, luz e auga, poderán solicitar ao Concello unha renda social básica.

Os solicitantes deberán ser veciños do municipio cunha antigüidade de polo menos seis meses. A renda será dun mínimo de 532 euros por unidade familiar e incompatible coa Risga e pensións non contributivas. A contía da prestación calcularase por unidade familiar. Poderase cobrar durante un espazo de doce meses.

Estímase que en Pontevedra son unhas 40 familias as que se atopan nesta situación e que poderían ser beneficiarias destas axudas.

O concelleiro de Marea Pontevedra, Luís Rei, confía en que esta medida estea vixente ao terminar o próximo verán. A iniciativa forma parte do compromiso alcanzado polo goberno local do BNG con Marea para obter o apoio deste grupo político na aprobación dos orzamentos deste ano.

Ao próximo pleno municipal irá unha modificación de crédito que inclúe unha partida de 400.000 euros destinados a esta iniciativa.

Paralelamente, Luís Rei presentou o borrador da ordenanza que regula a concesión desta renda social e que agora deberá ser acordada.

Inspirándose nas ordenanzas vixentes nos concellos de Santiago e A Coruña, Marea propón que a contía da prestación se calcule por unidade familiar e en base ao IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples), que marcará o mínimo para percibir para unha familia dun único compoñente e que sería segundo a proposta de Marea de 532 euros, ata un máximo do 150% sobre o IPREM para as familias con seis ou máis membros. 

A vicecoordinadora de Marea, Herminia Dios, sinalou que a ordenanza deberá incluír fórmulas que permitan prorrogar esta renda unha vez esgotado o ano inicial se a situación de desamparo persiste e os informes dos Servizos Sociais así o aconsellan. 

Marea optou pola elaboración dunha ordenanza co propósito de que esta medida se consolide e teña continuidade no tempo.